Paz Andrade reclama un “pacto global” para salvar Pescanova

Paz Andrade reclama un “pacto global” para salvar Pescanova
Pescanova
Pescanova  sg

O ex-conselleiro delegado da empresa Alfonso Paz Andrade, reclama desde o editorial da revista “Industrias Pesqueiras” que dirixe, un “pacto global” de todos os actores implicados para salvar Pescanova. Critica tamén a actitude “tibia e descomprometida” da Xunta e o goberno central. 


Xusto cando se coñece que a CNMV vén de remitirlle á fiscalía o expediente da xestión de Pescanova por parte de de Sousa co fin de considerar se podía ter cometido delito por abuso de mercado ao se desfacer das súas acccións antes da perda de valor que experimentaron, Alfonso Paz Andrade, que compartiu con el consello de administración na empresa, chama a un pacto global e sinala que non é este o momento de buscar culpábeis. Paz Andrade critica tamén ao propio CNMV polo “dano reputacional” feito na liña de “flotación dos mercados”. Faro de Vigo publicaba en marzo que Paz Andrade se desfixera en vendas de agosto e marzo de accións por valor de cinco millóns de euros. 

“Os erros, en maior ou menor magnitude, proceden de mais de un bando” di, para afirmar que “non é momento de buscar responsábeis”. Destaca a dimensión e gravedade da situación económica que provoca a crise de Pescanova e lamenta que “as autoridades nacionais e atutonómicas cunha actitude tibia e descomprometida, se alonxen da esencia dun problema económico de máxima magnitude”. Neste sentido, cita á conselleira de Pesca, Rosa Quintana e as súas declaracións de que se tería enterado da crise polos medios de comunicación. “Non nos parece a conselleira unha aplicada lectora, aínda que si noutros tempos compracente receptora do cálido sabor que producen os conxelados” escribe. En canto ao Parlamento, ponse da parte da “habitual e equilibrada coherencia de Puy Frarga” fronte a “habitual e desequilibrada coherencia” de Xosé Manuel Beiras como as intervencións, ao seu ver, dignas de destacar. 

Outra Pescanova é irrepetíbel, defende, e, por iso, reitera a necesidade de chegar a un “pacto global, é dicir, froito dun esforzo colectivo, da colaboración aberta, decidida e consensuada de todas as partes interesadas”. Promove, polo tanto, a idea de colaborar nunha “acción de xestión exclusivamente dirixida a recuperar Pescanova” para o que invoca un “task force” na que todos estés dispostos a facer “sacrificios e renuncias”, desde traballadores, accionistas, gobernos e institucións financieiras. “Crear un marco xurídico e administrativo forte” é o que Paz Andrade defende desde a editorial da revista fundada en 1927. 

Alfonso Paz Andrade foi conselleiro delegado do grupo Pescanova. O pasado mes de marzo, Faro de Vigo publicaba que viña de desprenderse de 120.000 accións por un total de 2 millóns de euros, cifra que se sumaría aos 3 millóns de euros que tería recibido pola venda doutro paquete de 233.188 títulos de accions no mes de agosto de 2012.