Pemex adxudica a construción dos floteis a Navantia e Barreras

Pemex adxudica a construción dos floteis a Navantia e Barreras

Pemex confirma a adxudicación dos dous floteis aos estaleiros de Vigo e Ferrol,  Barreras e Navantia. A noticia coñecíase por volta das tres da madrugada, con tres horas de retraso sobre o previsto e con cinco adiamentos desde a data inicial. Os traballadores de Navantia valoraron a nova en asemblea. Positiva, mais insuficiente, consideran, e advirten que seguirán as mobilizacións.


Pemex escolleu finalmente entre as dez opcións presentadas a Navantia e Barreras para a construción dos dous floteis. A petroleira mexicana pecha así un concurso que se convocou en xullo de 2013 e que tivo en expectativa a todo a Galiza, en especial, á comarca de Ferrol, xa que despois de que Pemex mercara o 51% das accións de Barreras a adxudicación á empresa de Vigo dábase por feito. Os estaleiros de Vigo presentaran tamén a oferta máis baixa, de 240 para a construción dun dos floteis. 

O comunicado oficial, publicado na propia páxina da petroleira mexicana, recollía que “tras a presentación das propostas técnicas e económicas, a oferta presentada por PMI Norteamérica S.A. de C. V. resultou gañadora co prezo máis baixo solvente”, coa que se presentaban os estaleiros galegos.

Pemex resolveu a adxudicación por 300 millóns de euros cada buque con PMI Norteamericana S.A. a filial coa que se presentaban Barreras e Navantia que contarán así con carga de traballo durante dous anos. 

O fallo aprazárase o pasado 30 de decembro por quinta vez, despois de estar prevista xa en setembro e posteriormente en novembro. 

Alivio triste

En Ferrolterra a noticia supón un “alivio triste”, segundo palabras do presidente do comité de empresa de Navantia que recollía a información da RG nada máis coñecerse a noticia, xa que non suporá o regreso ao mundo laboral dos máis de tres mil traballadores que perderon o seu emprego. Segundo sinalou o presidente do comité de empresa, Ignacio Naveiras, apenas se crearán empregos novos, “durante os trinta meses dos que se fala serán entorno a 500 empregos e a plantilla principal supera o 70%”, estimou. Os postos de traballo novos que se xeren, dixo, “posibelmente se conten cos dedos da man”. 

O comité de empresa estima que o sector naval perdeu arredor de 3.700 empregos desde setembro de 2011 nuns estaleiros que non teñen carga de traballo algunha desde o pasado decembro. A construción do flotel dará traballo a pouco máis da plantilla fixa do estaleiro, mais non abondará para recuperar os postos perdidos nunha comarca que tiña no dique flotante unha das posibilidades de aliviar a dura crise que atravesa. Mais a construción do dique flotante non está na axenda do Goberno do Estado, como tampouco o levantamento do veto que pesa sobre a antiga Astano.

A construción comezará “canto antes” e os dous barcos hoteis terán que estar listos para mediados de 2016.  

Pemex, propietaria do 51% de Barreras, tiña xa adiantado que encargará cinco barcos ao estaleiro vigués que poden aumentar en tres máis nestes tres primeiros meses de 2014.