O persoal de NCG Banco mobilízase en defensa dos postos de traballo

O persoal de NCG Banco mobilízase en defensa dos postos de traballo

Convocado por CIG, UGT e ASCA, o persoal de NCG Banco inicia unha serie de mobilizacións para a defensa dos postos de traballo, unha vez que o FROB non contempla o mantemento do emprego nas condicións da poxa pola entidade. 


Entre as condicións da poxa de Novagalicia Banco, o FROB non fixo figurar o mantemento do emprego e, por esta razón, os sindicatos CIG, UGT e ASCA convocan unha serie de mobilizacións diante dunha situación que cualifican de “extrema urxencia”. A primeira delas será a vindeira quinta feira 19 de decembro e tratarase dunha concentración de delegados e delegadas ás 11:00 diante do Banco de España na Coruña. No acto entregaranlle un escrito dirixido ao Gobernador do Banco de España, Luis María Linde de Castro. 

Concentración na Quintana 

O sábado 21 de decembro, ás 12.30 horas, convocan unha concentración de todo o persoal de NCG Banco na praza da Quintana de Compostela na que se defenderán os lemas “Compromiso polo mantemento do emprego e con Galiza” e “O que merca, tamén debe comprometerse co mantemento do emprego”. Prevese a saída de autobuses da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra.