A Plataforma polo Dereito ao Aborto volve ás rúas o día 23, diante das sedes do PP

A Plataforma polo Dereito ao Aborto volve ás rúas o día 23, diante das sedes do PP
aborto
aborto  

Concentraranse diante das sedes do Partido Popular das cidades. A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto volve ás rúas o vindeiro 23 de febreiro para protestar contra a contrarreforma do PP.


A cita será a terza ferira, 23 de febreiro ás 20 horas e o lugar as sedes do PP das distintas cidades. A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto volve manifestar a súa oposición á contrarreforma do goberno de Rajoy despois de que o grupo do goberno rexistrara no Congreso unha iniciativa pola que se muda o articulado da lei e se obriga ás menores de idade a contar con autorización para interromper o embarazo.  

“Como sempre, o Partido Popular está utilizando os dereitos e liberdades das mulleres como moeda de cambio para tentar gañar unhas eleccións”, sinalan desde a Plataforma co que manifestan o seu convencemento de que o partido do goberno quere contentar con esta medida ao seu electorado máis conservador. 

"O Partido Popular está utilizando os dereitos e liberdades das mulleres como moeda de cambio para tentar gañar unhas eleccións”

Denuncian que o PP está atacando os dereitos das máis mozas ás que se lles impón un permiso mesmo nos casos de violencia intrafamiliar, desamparo ou desenraizamento. “Lévanas a abortos clandestinos, co conseguinte risco para a súa saúde”, lamentan.

“Sairemos ás rúas todo o que for preciso, como fixemos co anterior anteproxecto de Gallardón, para evitar que se xogue cos dereitos e liberdades das mulleres máis mozas”, sinalan desde a Plataforma que agrupa organizacións feministas, partidos e sindicatos. “O que o PP ten que facer é investir en educación, saúde sexual e prevención se o que realmente quere é evitar os embarazos non desexados, non cargarse os dereitos das mulleres a decidir sobre o seu corpo e a súa maternidade”, sinalan ao tempo que anuncian que non van consentir “ningún paso atrás”. 

Concentracións do 23 de febreiro, ás 20 horas:

Compostela: diante da sede do PP
Ourense: diante da sede do PP
Vigo: Farola de Urzaiz
Coruña: diante da sede do PP
Pontevedra: sede provincial do PP
Ferrol: diante da sede do PP