Existe algunha opción de o Supremo mudar a resolución sobre o Prestige?

Existe algunha opción de o Supremo mudar a resolución sobre o Prestige?

O profesor de Dereito Procesual da Universidade da Coruña Xulio Ferreiro explica as posibilidades que tería un recurso de casación presentado perante este tribunal.



"Non poden ser tildados de imprudentes nin desde o punto de vista estritamente profesional nin desde o punto de vista da mera lóxica", sinala a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña a respeito do capitán do barco, Apostolos Mangouras, e do xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos.

Da actuación do terceiro acusado por virar o accidente do petroleiro Prestige nunha marea negra, o ex director xeral da Mariña mercante, José Luís López Sors, a resolución xudicial di que "sorprende que se incrimine a quen en principio non é senón unha vítima e afectado polo desastre que tratou de solucionar" e que "é imposíbel atribuír ningunha clase de responsabilidade penal por imprudencia e menos por dolo eventual" ao cargo público, responsábel da decisión de afastar o buque da costa galega.

A conclusión da sentenza xa a coñecemos: ninguén vai pagar --nin economicamente, nin penalmente, nin politicamente-- polo maior desastre ecolóxico da historia de Galiza, o maior tamén dos rexistrado no Estado español. A única condena foi imposta a Mangouras, nove meses de cárcere por un delito de "desobediencia"; del non decorren responsabilidades civís, polo que a Galiza non vai cobrar a parte que lle correspondería dos 4.230 millóns en indemnizacións que pediu a fiscalía.

Con todo, a resolución non é firme aínda. Podería o Tribunal Supremo pronunciarse contra a decisión da Audiencia Provincial da Coruña? Co profesor de Dereito Procesual da Universidade da Coruña Xulio Ferreiro analizamos as posibilidades que carrexa un eventual recurso de casación.
 

  • o primeiro que cómpre sinalar é que, en virtude das novas taxas xudiciais aprobadas polo ministerio español de Xustiza, de presentar a Xunta de Galiza o recurso sería gratis ao se tratar dunha administración pública. Porén, desta volta calquera que o presente ficará exento de tributo algún, ao se tratar dun pleito pola vía do penal.
     
  • a respeito dun eventual recurso presentado pola Xunta, a resolución do Supremo non carrexaría en ningún caso responsabilidades penais para o Estado. Por que? Porque no seu escrito de acusación, o Goberno galego só reclamou imputación por delitos contra o medio ambiente, contra os recursos naturais e de danos por imprudencia grave para Mangouras e Argyropoulos. Exixiu responsabilidade civil --sen sinalar importes-- para a aseguradora do Prestige. Non se lle pide responsabilidade ningunha ao Estado.
     
  • o profesor Xulio Ferreiro entende que nun recurso de casación "os feitos declarados probados non deberan ser modificados". A posibilidade de que si se modifiquen reside no dereito á presunción de inocencia que asiste a [email protected]; porén, ao Supremo apelarían, neste caso, as partes acusadoras, non a parte acusada, polo que non ten cabida o principio de presunción de inocencia.
     
  • hai unha segunda posibilidade de que se modifiquen os feitos probados e, en consecuencia, a sentenza: que o Supremo entenda que a decisión da Audiencia Provincial da Coruña "é arbitraria ou irrazoábel" a respeito do dereito a unha tutela xudicial efectiva. Porén, Ferreiro ve "moi improbábel" que isto aconteza.
     
  • que queda entón? Estudar se á hora de dar por probados os feitos que sinala a sentenza se aplicou correctamente o Código Penal ou houbo algún erro, ora na tramitación do proceso ora na propia resolución por non estar, por exemplo, ben argumentada. 
     
  • hai algo despois do Supremo? Hai, mais no caso do Prestige non resolvería moito. Unha vez que este tribunal se pronuncia, de non estar conformes as partes poderían presentar recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional e, de seguido, o Tribunal de Dereitos Humanos. Porén, "sería sumamente complicado" dar cunha resolución favorábel a Galiza nestas instancias. Ambas as dúas velan polo respeito ás garantías procesuais e pola non-violación do dereito á tutela xudicial efectiva, que neste caso non se produciu porque a quen apela, a parte acusadora, non lle asiste o principio de presunción de inocencia.