Pontevedra recolle ‘’con orgullo’’ o premio da ONU ao seu modelo de cidade

Pontevedra recolle ‘’con orgullo’’ o premio da ONU ao seu modelo de cidade

O alcalde, Fernández Lores, puxo en valor ao recoller o galardón a importancia da política e o compromiso para mellorar a vida das persoas.


Pontevedra recibiu en Dubai o máximo galardón internacional que pode recibir unha cidade en recoñecemento ao seu modelo, o ‘Dubai Award’, un premio concedido pola ONU Hábitat. Esta distinción ten como finalidade subliñar “as mellores prácticas para incrementar a calidade de vida da cidadanía”, segundo destaca o propio concello pontevedrés.

O alcalde, Fernández Lores (BNG), recoñeceu após a cerimonia de entrega do premio estar “moi orgulloso” do recoñecemento á cidade galega e destacou que o galardón é algo de todos e todas as pontevedresas. Puxo en valor a función da política na sociedade como ferramenta para mellorar a vida das persoas, e considerou un logro da veciñanza que Pontevedra fose o único referente institucional nesta décima edición destes premios da ONU: “O resto dos premiados son moi valentes: ONGs que traballan en situacións extremas de necesidade, pero nós estamos mellorando o noso medio desde a propia institución, e iso temos que defendelo con vigor: ter institucións fortes para que o poder público beneficie a todos os cidadáns”.

Este ano cumprítronse dúas décadas desde a institución do premio, que se entrega cada dous anos: 4.900 candidaturas presentadas, de 140 países. Nesta décima ronda, as candidaturas foron 319, que proviñan de 49 países.