O PP REXEITA UNHA INICIATIVA PARA FIXAR UN PREZO XUSTO

Un litro de leite a 20 céntimos

Un litro de leite a 20 céntimos
Cadea de envasado do leite
Cadea de envasado do leite  

Xa se están a pagar 20 cm. por litro e hai lugares onde as empresas non recollen o leite para aforrar gastos. Os dados púxoos sobre a mesa o BNG, en debate parlamentar co PP.


“Deixe de ser palmeiro e rirlle as grazas” ao goberno do Estado, espetoulle a deputada do BNG Tereixa Paz ao presidente do Xunta ao lle esixir “plantar cara” ás políticas promovidas pola ministra Tejerina, o presidente Rajoy e a normativa europea que poñen nunha grave situación ao sector lácteo galego. 

A iniciativa defendida por Tereixa Paz esixía garantir un prezo do leite en orixe “xusto”, e incluír o sector produtor, industria e distribución nunha interprofesional de negociación para “establecer os criterios na cadea de valor do leite cun prezo que en ningún caso, sexa inferior ao da produción, garantir a recollida e produción así como priorizar a preservación e recuperación da superficie agraria para a súa incorporación ás explotacións gandeiras”. 

“Insubmisión” ás políticas lesivas para un sector lácteo en “grave risco de desaparición”, foi a proposta que defendeu a deputada nacionalista para bater coa oposición do PP. A iniciativa contemplaba tamén a necesidade de “perseguir e sancionar” as prácticas de dumping das grandes áreas de distribución que empregan o elite como reclamo, ademais de botar a andar liñas cara á mellora da capacidade industrial no ámbito da produción, co investimento de fondos públicos, sexan do PDR ou outros instrumentos financieiros do Goberno galego. 

Por baixo dos 20 céntimos

A deputada do BNG asegurou na sede parlamentar que xa hai contratos que están a pagar por debaixo dos 20 céntimos por libro de leite e que xa hai lugares nos que a industria non recolle para aforrar custes, unha situación que definiu como de “fart west” por parte dunhas multinacionais que son as que marcan a lei do sector. Cualificouno como un “insulto” para o sector gandeiro. Paz manifestou que era “indignante” escoitar, pola contra, á Ministra Tejerina dicir, como fixo en Lugo que “os gandeiros non saben negociar, se non fose tan dramática a situación, parecería un chiste”.