Ramón Veras, "Os recortes están poñendo en risco a seguridade da cidadanía"

Ramón Veras, "Os recortes están poñendo en risco a seguridade da cidadanía"
Ramón Veras
Ramón Veras  

Médico e portavoz da Plataforma pola defensa da sanidade pública de A Coruña, Ramón Veras analisa nesta entrevista os efectos dos recortes que poñen en cuestión o concepto universalidade da sanidade pública. Ao seu ver, que os concellos asuman o repagamento de fámacos "dun modo provisorio, pode ser a única axuda para persoas en situación de emerxencia social que o PP deixa sen cobertura e castiga cun repago inxusto". 


-En 2010 un 99,2% da poboación tiña cobertura sanitaria , está agora en cuestión o concepto de universalidade da sanidade pública?

Nin existe universalidade nin se lle espera. Esa é a realidade actual. Pasamos de pensar que toda a poboación tiña dereito á asistencia sanitaria pública a saber que iso xa non é así. Desde a publicación do RD  16/2012, de 20 de abril, teñen dereito á sanidade pública, con cargo a fondos públicos, aquelas persoas que contén coa condición de asegurados (afiliados á seguridade social, pensionistas, perceptores de subsidio de desemprego ou ser demandante de emprego). Volvemos a unha situación parecida ao aseguramento anterior á lei xeral de sanidade 14/1986 cando recibían asistencia sanitaria os cotizantes á seguridade social e familiares.

"Pasamos de pensar que toda a poboación tiña dereito á asistencia sanitaria pública a saber que iso xa non é así"

Quedan fóra do sistema todos os inmigrantes irregulares ou aquelas persoas maiores de 26 anos que non cotizan á seguridade social e superan unha renda determinada. Aínda que todas estas persoas estean pagando impostos indirectos, os inmigrantes, e directos e indirectos o resto, quedarían fóra da cobertura pública.Non lle importa tampouco ao goberno a repercusión sobre a saúde individual destas persoas nin a posible afectación da saúde pública pola posible transmisión de enfermidades infecciosas non detectadas nin tratadas ao debido tempo.

En Galiza existe un programa para poder dar cobertura pública a estas persoas inmigrantes, froito da presión de diferentes colectivos (médicos del mundo, asociacións de inmigrantes, asociacións de enfermos e SOS sanidade pública) pero está resultando un fracaso xa que hai moi poucas persoas que accederan a este programa a pesar de levar xa 1 ano funcionando.

 
-Como están a afectar os recortes aos servizos sanitarios da cidadanía? Que servizos desaparecen ou diminúen da sanidade pública para a poboación en xeral?

Os recortes son orzamentarios, de persoal e de prestacións: A muller é unha das primeiras afectadas. O Sergas está reducindo a atención sexual e reprodutiva na sanidade pública, diminuíndo o persoal dos Centros de Orientación Familiar e reducindo o seu número como é o caso de A Coruña. Non só reduce a cantidade da atención senón tamén a calidade xa que desaparece a atención preventiva. Remítese ás mulleres para os exames de saúde aos centros de saúde pero ninguén asegurou que os centros estivesen capacitados profesionalmente ou por dispoñibilidade de recursos e tempo para poder ofrecer esta atención. O Sergas nega que desapareza esta prestación pero as mulleres vano ter máis difícil para recibir esta atención dun modo normalizado e para toda a poboación.

Outros afectados son todos os pacientes con toxicomanías e trastornos aditivos que ven como cada ano se van reducindo os centros e os recursos. Sen piedade vemos reducións anuais de 40-50% nos orzamentos. Desapareceu a prevención nesta área, agora tócalle tamén á asistencia.

´É coñecido que pacientes crónicos deixaron de recoller medicamentos nas oficinas de farmacia por imposibilidade de pago".

Os recursos de tratamento de crónicos en saúde mental son cada vez máis os que as familias organizadas poden ofrecer. O Sergas parece que tamén renuncia á atención destes pacientes.

O primeiro obxectivo do Sergas é o aforro e iso produce unha limitación do acceso dos pacientes a probas complementarias e a especialistas, xa que se aplican filtros que dificultan esa atención.

-A redución do persoal sanitario vai parella a esta política de recortes de servizos?

Estase aplicando a taxa de reposición do 10% ao persoal sanitario, de modo que só se cubre o 10% das persoas que se xubilan, discapacitan ou morren. Isto supón unha redución do cadro de persoal de 2097 traballadores no período 2010-2014, dos cales 712 son licenciados.

Ademais da redución de persoal tampouco se substitúe á maioría do persoal que falta por enfermidade ou vacacións. En atención primaria apareceron as listas de espera. Por exemplo, se falta un médico por vacacións ou por enfermidade unha semana será substituído 1 día media xornada por outro médico, dous días serán repartidos os pacientes entre o resto de facultativos e outros dous días os pacientes dese cupo non terán médico. Só serán atendidos se demandan atención urxente, se non é así serán citados días despois.A redución de orzamentos repercute no mantemento das instalacións e a tecnoloxía, no adquisición de material, financiamento de próteses,..., en todo.

-En que situación se atopa o indicador das listas de espera?

Todo isto por suposto empeora as listas de espera, por moitas voltas que lle queira dar o Sergas aos números. Cos datos do Sergas os galegos e galegas temos que esperar máis para ser atendidos polo médico de cabeceira, polos especialistas do hospital, para facernos radiografías ou outras probas e para realizar unha intervención. De modo progresivo, co argumento da sostenibilidade, o PP reduce a atención sanitaria pública. O primeiro non é xa a saúde da poboación galega, o único é o aforro, poñendo en risco a seguridade da cidadanía.

-Que efectos vai ter o repagamento de medicamentos para persoas con enfermidades crónicas?

"O PP penaliza aqueles que necesitan axuda, os enfermos"

As persoas con enfermidades crónicas que recollen os medicamentos nas oficinas de farmacia xa teñen que pagar polos medicamentos crónicos o 10% do seu prezo cun máximo de 4,20 euros por caixa. Certo é que estas persoas son crónicas, discapacitadas e en moitas ocasións con poucos ingresos. O feito de que a cronicidade se asocie a pluripatoloxía e polimedicación fai que os 4,20 euros haxa que multiplicalo por varios cada mes. Agora, desde a Resolución do 10 de setembro de 2013 o Ministerio decidiu aplicarlle este repagamento tamén aos pacientes que recollen os medicamentos, por agora gratuitamente, na farmacia hospitalaria. A dispensación de medicamentos na farmacia hospitalaria débese ao carácter do propio fármaco, sexa por ser dun prezo moi elevado ou para un maior control do medicamento debido aos riscos para a saúde dos propios pacientes por posibles efectos secundarios. Se había algunha dúbida, e así foi argumentado polo PP, sobre o sobreconsumo dos medicamentos ambulatorios, os que se dispensan no hospital son prescritos polos médicos (igual que os outros) e supervisados polos farmacéuticos do hospital. Os pacientes non pintan nada na decisión do seu consumo pero parece que o PP quere facelos responsables e culpables da súa enfermidade.

O PP optou por penalizar aos enfermos. No lugar de buscar financiamento entre toda a poboación en función dos ingresos de cada un, o PP fai o contrario: penaliza aqueles que necesitan axuda, os enfermos.

Non temos datos, a medida empezará a aplicarse en decembro, de poboación que teña que deixar de recoller os medicamentos na farmacia hospitalaria (pacientes con esclerose múltiple, cancros, hepatite vírica, artropatía psoriásica, problemas dermatolóxicos,...) pero é previsible que iso suceda. Si é coñecido que pacientes crónicos deixaron de recoller medicamentos nas oficinas de farmacia por imposibilidade de pago.

-Como valora que algúns concellos decidan asumir o repago de medicinas da veciñanza?

Os Concellos teñen xa bastantes problemas financeiros para ter que asumir custos que non lles corresponden. Pero, dun modo provisorio, pode ser a única axuda para persoas en situación de emerxencia social que o PP deixa sen cobertura e castiga cun repago inxusto. Non debe ser unha medida de longo prazo pero benvida sexa inicialmente para que os pacientes poidan continuar coa súa medicación.

-Supón aforro para a xestión sanitaria pública? Ese aforro en gasto farmacéutico era necesario para manter o sistema?

O propio Ministerio recoñece que o aforro será mínimo xa que se vai cobrar 4,20 euros por caixa cando poden ser medicamentos de centos ou máis de mil euros. Ridículo como aforro pero un serio problema previsiblemente para moitos pacientes.

-No sistema sanitario galego a redución de servizos públicos camiña paralela a unha maior privatización?

"A presión cidadá é capaz de limitar as políticas agresivas do PP contra a sanidade pública e os dereitos da cidadanía"

Feijoo anunciouno na presentación do plan estratéxico do Sergas: incrementar as oportunidades de negocio privado e parece que quere ser primeiro da clase entre os colegas do PP. Semella que ten medo de perder as próximas eleccións porque privatiza canto toca. Empezou coa concesión do hospital de Vigo a empresas privadas. Estas tiveron problemas para conseguir financiamento e o propio Sergas asumiu ese financiamento sen que por iso ser vaia reducir o canon que teremos que pagar a estas empresas durante 20 anos. Iso si que é un negocio. Entregou á empresa privada a loxística e mantemento dos centros sanitarios, a reposición de material sanitario e non sanitario e agora está ofrecendo un contrato á privada para o mantemento e ‘toma de decisión’ de adquisición de tecnoloxía. Este goberno é insaciable na entrega de recursos públicos á empresa privada, da que por outra parte practicamente non se beneficia ningunha empresa galega.

-Coida que a situación é abondo grave para que a cidadanía se mobilice na defensa dos dereitos adquiridos?

A presión cidadá é capaz de limitar as políticas agresivas do PP contra a sanidade pública e os dereitos da cidadanía. Quizais non as cambie pero é seguro que as retrasará e limitará. En última instancia as eleccións poderán cambiar o goberno e as políticas.

-Faise urxente un pacto político pola sanidade pública, gratuíta e universal?

O pacto é imposible co PP, que é quen ten o poder pero a cidadanía pode presionar para que os gobernos actuais respecten os seus dereitos e para asegurar que un cambio de goberno supoña aplicar novas políticas máis democráticas, solidarias e máis seguras para toda a poboación. Non se trata só de cambio de sigas senón de cambio de políticas e dun modo sostible no tempo.