A sanidade pública, dous días en folga contra as políticas privatizadoras

A sanidade pública, dous días en folga contra as políticas privatizadoras
Manifestación pola Sanidade Pública en Vigo
Manifestación pola Sanidade Pública en Vigo  Bernal

O persoal do SERGAS encetou na noite do domingo unha folga que se prolongará ate a noite da terza feira día 10. Convocada por CIG, CCOO e CESM-O´Mega, quere manifestar a oposición ás políticas privatizadoras impulsadas polo PP. A cidadanía está chamada a se mobilizar a terza feira á tardiña. 


Uns 33.000 traballadoras e traballadores da sanidade pública estaban chamados á folga que se iniciou ás 10 da noite do domingo e se prolongará durante 48 horas. A folga mostra a oposición do persoal do sector ao proceso de privatización dos servizos, ás Areas de Xestión Clínica ou os repagamentos farmaceuticos. 

Terza feira toda a cidadanía está chamada ás mobilizacións en defensa da sanidade pública, en apoio tamén á folga que o persoal da sanidade pública mantén durante dous días. O cadro de reivinciacións céntrase no rexeitamento ás privatizacións e na defensa dunha sanidade pública, universal e de calidade. 

O persoal do SERGAS denuncia a deficiencias na atención aos pacientes que se están a producir pola aplicación da taxa de reposición do 10%, os recortes laborais e salariais e, de maneira especial, a utilización de traballadores e traballadoras para aplicar recortes a través das Áreas de Xestión Clínica. 

Mobilizacións cidadáns

Apoiada por SÓS-Sanidade Pública, os sindicatos convocantes da folga chaman tamén a mobilizacións en cidades e vilas que se desenvolverán a terza feira día 10 en defensa da sanidade pública e en contra dos recortes e a privatización. 

Denuncian o acelerado proceso de privatización que o PP está a desenvolver, tanto desde a Xunta como desde o goberno central e que se materializa, poñen por caso, no repagamento de medicamentos de dispensación hospitalaria ou no material ortoprotésico, o que está a afondar nas desigualdades social e a que a saúde sexa para quen pode pagala. 

A greve convocada polos sindicatos CIG, CCOO e CESM-O´Mega conta cunha táboa reivindicativa que, na maioría dos seus pontos, céntrase no dereito da cidadanía á sanidade pública, diante dun deterioro dos servizos por mor de privatización e recortes. Canto ás reclamacións laborais, o persoal sanitario denuncia os continuos recortes, polos que se lle suprimiu o complemento específico das pagas extras e outras perdas de dereitos laborais como días de libranza ou incremento da xornada. 

Desde a Plataforma en defensa da Sanidade Pública alertan de que "se non reaximos de xeito urxente, ben cedo o desmantelamento e privatización da sanidade pública será irreversíbel, xa que a Xunta transformará os centros sanitarios en empresas privadas, recortando o persoal, e obrigándonos a pagar pola asistencia sanitaria". 

Mobilizacións para a terza feira 10 de decembro. 

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa

Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios

Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa

Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral

Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.

Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza

Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial

Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa

A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar

Barbanza: Ás 20:00 h con saída do centro de Saúde

Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital

Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.