A Secretaría de Igualdade xustifica os concertos da Xunta cos centros que segregan por sexos

A Secretaría de Igualdade xustifica os concertos da Xunta cos centros que segregan por sexos
Cosme Pombo e Carme Adán
Cosme Pombo e Carme Adán  

A Secretaría de Igualdade do goberno galego, Susana López Abella xustificou hoxe no Parlamento que a Xunta apoie a través de concertos a centros que segregan por sexo xa que, ao seu ver, son precisos para garantir a liberdade das familias. 


A raposa gardando as galiñas. A Secretaria de Igualdade, Susana López Abella mostrouse favorábel ao concerto da Consellaría de Educación con centros que segregan por centros, a pesar das sentenzas en contra, e aludiu ao aval que a decisión recibe da lei Wert.

 Á pregunta da deputada do BNG, Carme Adán sobre a posición da Secretaría de Igualdade diante da decisión da Consellaría de Educación de continuar co concerto con centros que segregan por sexo a pesares das sentenzas xudiciais en contra, Susana López Abella defendeu que a “LOMCE, actualmente en trámite, reafirma a cobertura legal con financiamento público aos centros con opción educativa diferenciada por sexo”. 

A deputada nacionalista reprochoulle que o departamento que tiña que pular pola Igualdade asuma “sen ningunha reticencia unha lei educativa que colide coa educación de nenos e nenas en igualdade de condicións”. “A ningunha familia se lle impón que as súas fillas e fillos acudan a estes centros” dixo Abella, defendendo ao tempo a súa existencia para garantir a liberdade de quen opta por escolarizar ás crianzas en centros que segregan.Adán contestoulle argumentando que, se de liberdade se trata, tamén a aplique a nenos e nenas aos que se lle quita o comedor escolar ou teñen que trasladarse por non ter outro colexio próximo e non teñen “esa liberdade de elección para escoller outro centro”. 

Carme Adán cuestionou, máis unha vez, que a Consellaría apoie con cartos públicos a través da concertación centros que incumpren as normas básicas de igualdade e mesmo sentenzas xudiciais emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “Están a pagar con fundos públicos credos confesionais que non consideran iguais aos homes e mulleres” engadiu.