Sermos ofrece o semanario á mocidade por só 10€ ao mes

Sermos ofrece o semanario á mocidade por só 10€ ao mes

No seo da campaña Amígate con Sermos, o medio de comunicación lanza unha oferta especial para menores de 30 anos á fin de achegar o semanario impreso ao público máis mozo. 


A oferta xa está disponíbel na nosa loxa e procura facilitar o acceso da mocidade ao semanario a través dun prezo reducido e adaptado. Neste senso, e por só 10 euros ao mes, as persoas menores de 30 anos que así o desexaren poderán recibir nas súas moradas cada semana un novo número do Sermos Galiza cargado de entrevistas, reportaxes, artigos de opinión... informacións elaboradas desde unha óptica propia e crítica coa realidade actual.

Para accederes a esta promoción só tes que te rexistrar na nosa loxa, escoller mercar bonos Amígate para menores de 30 e enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected] cos teus datos persoais. Após realizares o pagamento, que poderás desembolsar en cómodos prazos mensais, recibirás o semanario en papel. 

Desta maneira, para alén de obteres cada semana un novo número, estarás a colaborar no mantemento e consolidación do único semanario impreso en lingua galega. Un proxecto comunicativo nado hai perto de dous anos como resultado dunha ampla vontade popular --reflectida nas súas máis de 900 accionistas-- que pula acotío por un xornalismo capaz de conciliar o rigor, a veracidade e a pluralidade, refugando falsas neutralidades e sen se arredar da realidade social.

Se tes menos de 30 anos, Amígate con Sermos por 10 euros ao mes!