MARCOS MACEIRA, PRESIDENTE DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"A situación do galego é reversíbel se mudan as políticas lingüísticas"

"A situación do galego é reversíbel se mudan as políticas lingüísticas"
Foto: Olalla Rodil.
Foto: Olalla Rodil.  

Marcos Maceira non ten ningunha nostalxia por un suposto consenso político sobre o galego que, en todo caso, nunca pasou de ser aparencial. "Restaurar o consenso? O que hai que restaurar é o galego?", di o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.


Ten 36 anos e preside a Mesa pola Normalización Lingüística, unha das entidades cívicas máis vigorosas e con máis apoio social do país, desde abril de 2014. É un bon conversador. Desde o seu despacho vese a estación de camiños de ferro de Compostela. Móveo unha paixón, a de conquistar a normalidade para o galego no seu propio territorio. Felizmente foxe do derrotismo e das profecías  apocalípticas autocumpridas. O que nos vén dicer é que hai campo para sachar se houber vontade e pide máis apoio social: "Este é un bon momento para comprometerse coa causa da lingua galega".

-Como valoras as últimas estatísticas que están aparecendo sobre o galego e que espellan un moi preocupante devalo?

-Non son dados novos e demostran o que levamos dicendo desde a Mesa desde hai moitos anos: que as políticas lingüísticas que se aplicaron desde que existe a autonomía até hoxe non teñen incidido na mellora da situación, senón que teñen resultado en mantela tal e como está, e a situación é de regresión e de perda de falantes do galego. Os dados son consecuencia desas políticas. Aquí houbo unha lei de normalización lingüística que nunca se chegou a aplicar, hai un plan de normalización da lingua galega que tampouco...hai unha serie de acordos e de desexos aparentemente compartillados por todas as forzas políticas, etc, etc, pero nunca houbo vontade real de os levar á práctica. Realmente, non ten mudado nada na política lingüística e os resultados están á vista.

-Dá a sensación de que se non se para a evolución poderíamos atoparnos a medio prazo nun contexto que se parecería moito ao que ten o gaélico en Irlanda ou o que tiña o euskera hai 20 ou 30 anos, antes do comezo en Euskadi das políticas de normalización. Partillades este prognóstico ou o matizariades?

-Nós cremos que a situación do galego é reversíbel. Aínda hai unha poboación galegofalante importante. A cuestión é: hai que actuar para reverter a situación, actuar para mudar as políticas lingüísticas, o que non se pode facer é actuar para que a situación siga igual, como se vén facendo desde hai máis de 30 anos. Entón se se quer reverter, o que fai falta é un compromiso firme e vontade real por parte prioritariamente de quen ten o goberno e tamén do resto das forzas políticas, para que o galego estea presente e estea en condicións de mínima igualdade, para ter unha existencia normal que é o que non ten o galego neste momento.

A íntegra da entrevista aparece no número 128 do semanario Sermos Galiza, xa nos quiosques e na nosa loxa.