OFENSIVA CONTRA AS LIBERDADES PÚBLICAS NA GALIZA

Stop Desafiuzamentos denuncia a presión policial no acto de entrega de alegacións ás multas


Stop Desafiuzamentos denuncia a presión policial no acto de entrega de alegacións ás multas

Stop Desafiuzamentos denuncia a “represión policial” no acto de entrega de alegacións ás multas ao tempo que se felicita do apoio na campaña de socialización das multas. 

Vinte policías e catro “grilleiras” controlaban na Subdelegación do Goberno o acto de presentación de alegacións ás multas recibidas ás persoas que participaron nas protestas contra o desaloxo dunha familia na Coruña. “A excesiva presenza policial de hoxe é mostra, unha vez máis, da estratexia de acoso dirixida a todas as persoas que se manifestan”, denuncian desde Stop Desafiuzamentos pola vintena de policías e as catro grileiras coas que foron [email protected] no  acto de entrega de alegacións ás multas recibidas polas concentracións do 20 ao 26 de Novembro e o desaloxo final o día 27 dunha familia na Coruña. As multas recibidas diante da Subdelegación do Goberno na Coruña. As sancións ascenden a un total de 4250 euros en multas que van de 100 a 630 ás que hai que sumar a denuncia para dous xuízos de faltas. 

Desde Stop Desafiuzamentos enmarcan o acontecido na Subdelegación do Goberno como “unha peza máis dunha estratexia de constante persecución policial exercida contra todas as persoas que defenden os dereitos sociais” que insiren no marco da aprobación dunha “Lei Mordaza” que “ademais de endurecer as sancións, regularizará prácticas comúns como a existencia de listas e as mentiras nos atestados policiais”

Apoio social superior ao agardado

No outro lado da balanza, sitúan o apoio recibido na campaña de socialización de multas na que, case un mes antes da data marcada, lograron recadar 7.471,33 euros, máis da cantidade marcada e en menos tempo. 

Mostran desde a Coruña, a solidariedade con outros colectivos que están na rúa e “padecen a mesma represión” como é a veciñanza de Coia e as persoas que se manifestaron en Aríns contra outro desafiuzamento. “Lamentamos tamén que a testemuña dos axentes de policía teña sempre unha maior validez que a do cidadán especialmente, cando non hai máis probas que estes atestados ou cando as probas existentes contradín directamente á versión policial”, denuncian e poñen tamén como exemplo o caso de Aríns no que se suspendeu o xuízo por defecto de formas unha vez que “os vídeos tomados ese día amosan a realidade tal e como é, e deixan ver as mentiras verquidas nos atestados policiais daquel día en Compostela”.