O xuíz pide a Adif que acredite que pode asumir responsabilidades pecuniarias por Angrois

O xuíz pide a Adif que acredite que pode asumir responsabilidades pecuniarias por Angrois

O xuíz Aláez solicita a ADIF que achegue as pólizas subscritas con aseguradoras e a Fomento que informe das modificacións na curva da Grandeira. 


O xuíz instructor Luis Aláez, a petición da acusación particular, diríxese a ADIF para lle solicitar as pólizas de contratos suscritos con aseguradoras co fin de saber se podería asumir, nunha hipotética condena, as responsabilidades pecuniarias derivadas das responsabilidades no accidente de Angrois. Require as pólizas que afectan tanto á rede xeral como, en particular, á liña na que se produciu o accidente, así como as que cubran o risco pola actuación da Dirección de Seguridade. O xuíz imputou, alén de ao condutor, aos responsábeis de seguridade de ADIF. 

No auto notificado hoxe acórdase a práctica de novas dilixencias e, ademais das pólizas, requírelle á Dirección Xeral de Ferrocarrís de Fomento que informe das modificacións introducidas nos 10 quilómetros anteriores á estación de Santiago despois do día 24 de xullo no que se produciu o accidente. O fin da solicitude é verificar as manifestacións dos imputados de ADIF que xa declararon. 

Aláez esixe finalmente ao Ministerio de Fomento que identifique as persoas que compoñen a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios. “Á marxe de que non esteamos diante dunha dilixencia acordada polo órgano xudicial e que sexa discutíbel o valor do seu ditame como informe pericial”, sinala, non descarta chamalas a prestar declaración "como testemuñas daquilo que percibiran”.