O veto do PP no Congreso non para a loita para mellorar a cobertura de seguridade social para @s doentes de cancro

O veto do PP no Congreso non para a loita para mellorar a cobertura de seguridade social para @s doentes de cancro

Beatriz Figueroa (afectada de cancro) e Montse Prado (BNG) reuníronse co Valedor do Pobo para lle expoñer a situación de desprotección destas persoas. “Non imos abandonar esta loita”, dixo a deputada nacionalista.


Esta semana o Partido Popular viroulle as costas no Congreso a medio millón de sinaturas que pedían mellorar a cobertura laboral e de seguranza social para as persoas doentes de cancro. Malia obter o apoio de toda a oposición (BNG, PNV, CiU, Esquerda Plural, ERC, EH Bildu, PSOE ), a decisión do PP de non admitir a trámite a iniciativa impulsada pola viguesa Beatriz Figueroa. “Non quixeron escoitar o que querían medio millón de persoas”, afirmou esta quinta feira Figueroa ante o Valedo do Pobo, a onde acudiu acompañada da deputada do BNG Montse Prado, voceira nacionalista na Comisión de Sanidade, para manter unha reunión.

“Queremos levar esta demanda a todas as institucións” dixo a viguesa. Na mesma liña, Prado afirmou que “non imos abandonar a loita” por mellorar as condicións destas persoas, lembrando que o BNG estivo “desde o principio apoiando e a carón desta causa”.

Apoios

Esta iniciativa demanda basicamente a modificación da Lei de Seguridade Social para mudar a cualificación da incapacidade permanente, sendo que desde 997 este precepto non foi obxecto de desenvolvemento regulamentario. A iniciativa procura que se recoñeza de oficio a incapacidade permanente (“que non vitalicia”) a aquelas persoas que unha vez finalizada a incapacidade temporal polo cancro sigan sen se recuperar. Tamén piden que se reserve o posto de traballo. “Non estamos a pedir esmola”, sinalou Beatriz Figueroa.

A parlamentar do Bloque considera que o PP e o goberno español “abandonaron máis unha vez a un colectivo vulnerábel” e que o que os populares fixeron no Congreso ao non admitir o debate avalado por medio millón de sinaturas é “indigno”.