Vigo desprega unha bandeira xigante ao paso da 'Vuelta' para "lembrar que Galiza é unha nación"

Vigo desprega unha bandeira xigante ao paso da 'Vuelta' para "lembrar que Galiza é unha nación"
[Imaxes: SG e Manuel Cores]
[Imaxes: SG e Manuel Cores]  

A terceira etapa do campionato arrincou esta segunda feira na cidade olívica. Unha bandeira de 6x6 metros de altura acompañou aos corredores na saída


Após o acontecido esta fin de semana en Baiona, militantes nacionalistas despregaron unha bandeira galega de 6 metros da varanda do porto de Vigo coincidindo coa pistolada de saída da terceira etapa da 'Vuelta'. Noutros puntos da Galiza como a comarca do Salnés 'explicaban' aos corredores e [email protected] que "A Ilha is not Spain".

A medida que avanza a competición ciclista máis tramos da 'Vuelta' se suman ás reivindicacións nacionalistas. Malia o acontecido no Alto da Groba (Baiona), onde a policía española retivo e identificou a 4 militantes do BNG por pintaren un mural no que se podía ler 'Galiza Nación', as accións reivindicativas aumentan e espállanse por todo o territorio galego.

"Trátase dunha acción simbólica promovida pola CIG da comarca" explicou a Sermos Galiza un dos participantes no despregamento da bandeira na cidade olívica, para "visibilizar o carácter nacional de Galiza perante a afirmación identitaria do españolismo" que din se espalla "botando man da 'Vuelta'". Prevese que accións como esta se repitan ao longo dos vindeiros tramos do campionato que se desenvolverán polo territorio galego.