Vítimas do Alvia esixen a creación dunha comisión de investigación

Vítimas do Alvia esixen a creación dunha comisión de investigación
Tren accidente
Tren accidente  

Vítimas do Alvia esixen a creación dunha comisión de investigación no Parlamento despois de se facer público o informe que alertaba a Renfe case dous anos antes da perigosidade da curva da Grandeira. A petición súmase á do BNG e Alternativa. PP e PSOE xa manifestaron a súa oposición. 


A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 esixen a creación dunha comisión de investigación no Parlamento unha ve que se fixo publico o informe do xefe de maquinistas que alertaba a Renfe da perigosidade da curva de Angrois quince meses antes de que acontecera o accidente. Vítimas e familiares emitiron un comunicado no que acusan ao Ministerio de Fomento, Renfe e ADIF de teren ocultado información dun accidente que, segundo sinalan, podía terse evitado. 

Defenden a creación dunha comisión de investigación co fin de “coñecer a verdade e depurar responsabilidades políticas”, sumando así a súa voz ás demandas do BNG e Alternativa que rexistraron a petición no Parlamento. Tanto PP como PSOE xa rexeitaron a proposta. 

O xuíz reclamou a Renfe a información sobre as decisións adoptadas após recibir o correo electrónico no que o xefe de maquinistas de Ourense alertaba das deficiencias en seguridade no tramo do sinistro na entrada de Compostela. Segundo Adif, só terían coñecemento das advertencias do maquinista hai un mes. O documento foi achegado polo avogado da defensa do maquinista do Alvia.