Xabarín, o club da galega, “por fuciños, por cacheiras”

Xabarín, o club da galega, “por fuciños, por cacheiras”
Xabarín
Xabarín  

“Oink, oink”. Todo un clásico. O Xabarín Clube recibiu o Premio de Honra Ferando Rey da Academia Galega do Audiovisual na gala de entrega dos Premios Mestre Mateo que premiou o animal máis coñecido da galega.


 

Un porco bravo que acompaña as crianzas desde hai case dúas décadas. O 18 de abril, o Xabarín Clube fará 19 anos na televisión. Arredor de 138.000 carnés fixéronse do clube do porco bravo deseñado por Miguelanxo Prado. 60.000 crianzas pertencen ao maior colectivo de menores de 18 anos, algunhas xa descendentes das primeiras que se asociaron ao grupo liderado por un xabarín.

“Somos o clube da galega/ por fuciños, por cacheiras”. O programa nacía en 1994 da man de Suso Iglesias con vontade de revolucionar os programas televisivos para a infancia. E abofé que o conseguiu. Desde aqueles inicios nos que a galega se convertía en modelo e referente de nova produción audiovisual para públicos cativos, continúa no equipo o actual director, Alberto Casal, que imprimiu no programa o seu gusto pola cultura popular e, en especial, polo rock.

“Escoller o porco bravo foi unha das claves do éxito. Os que estabamos na súa orixe eramos fillos dos sesenta e levamos á televisión para nenos a cultura popular. A música tivo especial relevancia e o rock do país tomou protagonismo no programa”, destaca Alberto Casal, especialista en rock de produción galega. A través do Xabarín Clube graváronse máis dun cento de cancións en sete discos, nos que participaron a case totalidade dos grupos que estaban revolucionando o panorama musical galego. Siniestro Total, Herdeiros da Crus ou os Diplomáticos de Montealto son só tres exemplos de bandas que lle puxeron a súa música ao programa da xente miúda da galega.

O mestre Son Goku

“Son Goku funcionou como profesor de galego para os cativos. Foi dos seus mellores mestres. Agora séguense emitindo series coma Doraemon ou clásicos como Os Picapedra, ademais de ter a satisfacción de emitir os grandes heroes da banda desñeada, coma Tintín ou Corto Maltés, e tamén están recuperándose series coma Heidi ou Marco”, comenta o director, arredor dos debuxos animados que toman parte nas moitas horas que o programa continúa en emisión, desta volta na canle dixital da TVG, en horarios de almorzo, xantar e merenda.

"Graváronse máis dun cento de cancións en sete discos, nos que participaron a case totalidade dos grupos que estaban revolucionando o panorama musical galego"

As series de animación e a música son dous dos elementos dos que se vale o Xabarín para contentar a tropa que cada día se pon detrás das pantallas. Ademais, xoga cunha clara vantaxe. Ao outro lado da pantalla o porco bravo ten sesenta mil membros do seu clube, rapazada que está unida ao programa non só por compartir tempo de lecer, senón por un carné que identifica a existencia dunha especial relación. Que pasa se unha criatura se asocia ao Xabarín? Pois que o día do seu aniversario a foto sairá na pantalla da tele e milleiros de persoas participarán da súa felicitación. Poderán tamén entrar en sorteos e concursos, mais o de meirande valor é saberse pertencente ao club da galega, por fuciños e por cacheiras. O Xabarín tamén sofre recortes; xa non se fan producións propias e redúcíronse investimentos, mais na cabeza do equipo seguen a rolar milleiros de ideas que contan botar a andar cando a treboada esvaeza.

A Alberto Casal o entusiasmo de dirixir o Xabarín nótaselle na fala. “Gústame citar a Leopoldo Panero cando dicía “na infancia se vive e logo só se sobrevive”. Nacín coa xeración da televisión e traballar para un programa para nenos é un reto interesante. Traballas co imaxinario colectivo”, comenta. E si é certo que nese imaxinario colectivo coou xa o Xabarín Clube, e, canda el, o máis bravú do rock, un “fondo de armario” que a cada pouco abraia de novo a cativada, desde Os Resentidos ate os Diplomáticos. Cultura compartida cos pais e as nais coma aqueles Picapedra, Heidi ou Marco que seguen vivos nesta nova xeración de crianzas.

Canda Alberto Casal outro nome aparece nos títulos de crédito desde o inicio. É o de Juanillo Esteban, o actor que lle cede a súa voz ao porco bravo. Un porco rockeiro polo que non pasan os anos.