O xefe de máquinas de Ourense advertiu das deficiencias de seguridade dous anos antes da traxedia de Angrois

O xefe de máquinas de Ourense advertiu das deficiencias de seguridade dous anos antes da traxedia de Angrois

Fíxoo através dun correo electrónico remitido ao seu superior en decembro de 2011, dúas semanas após inaugurar o tramo a ministra de Fomento, Ana Pastor e coa dirección de Renfe aínda baixo o mando socialista. 


O texto xa foi remitido polo avogado da defensa do maquinista ao xuíz instrutor do caso, Luís Aláez. O seu contido podería dar un xiro á investigación e situar de novo no punto de mira aos responsábeis de Renfe e Adif pois no correo electrónico enviado por José Ramón Iglesias Mazaira, xefe de máquinas de Ourense, xa advetía dous anos antes da traxedia de Agrois, das deficiencias de seguridade no tramo do sinistro. 

No documento presentado como proba, Iglesias Mazaira, apuntaba que o frenado na curva da Grandeira debía facerse de maneira "brusca e sen aviso previo" debido á falla de sinalización nas vías e á desactivación do sistema de frenado automático. Asemade, o xefe de máquinas mesmo anunciaba que de non se producir a redución de velocidade no momento acaído --como aconteceu no serán do 24 de xullo de 2013-- "xa nada se poderá facer".

O xefe de máquinas advertía que de non reducir a velocidade a tempo "xa nada se poderá facer" debido ás carencias na seguridade do tramo 

Neste senso, mesmo recomendou aos seus superiores o estabelecemento de "sinais de limitación permanente a 80km/h" pois consideraba naquela altura que isto "podería facilitar o cumprimento das velocidades máximas". Esta suxestión non se chega a ter en conta até despois do sinistro no que faleceron 79 persoas cando Fomento decidiu situar a devandita sinaléctica con limitacións de velocidade a 160, 80 e 30 km.

A información deitada neste correo electrónico podería dar un xiro á instrución do caso e situar de novo no centro do proceso aos responsábeis públicos de Renfe e Adif. Os seus directivos e ex-presidentes foran imputados inicialmente polo xuíz Aláez e chamados a declarar como "potenciais responsábeis" dun "delito imprudente".

As alertas lanzadas no correo electrónico producíronse dous anos antes do sinistro

Porén, a Audiencia provincial da Coruña levantou a imputación ao considerar que a argumentación empregada polo xuíz instrutor era insuficiente e mesmo "prematura" para lles atribuír a condición de imputados polo feito de "desenvolver cometidos en materia de seguridade". 

No entanto, diversa actas do consello de administración de Renfe recollen o debate que o organismo público mantivo a respeito destas carencias en materia de seguridade. Embora estas non seren achegadas á investigación. Desde a defensa solicitan ao xuíz Aláez que requira esta información e "cantos documentos teñan relación co asunto" para re-iniciar a investigación do acontecido.