Un meio ultra acusa a San Sadurniño de “expulsar” unha imaxe relixiosa que trasladou o propio bispado

Un meio ultra acusa a San Sadurniño de “expulsar” unha imaxe relixiosa que trasladou o propio bispado

Quen está detrás do traslado da estatua do Sagrado Corazón en San Sadurniño? Un xornal de ultradereita acusa o concello -BNG- de “expulsar” á imaxe dos xardíns do Pazo da Marquesa e aproveita para botar lume contra o que define como “laicismo trasnoitado”.


O xornal hazteoir.org denuncia que o goberno municipal tratou a escultura de “forma vexatoria” mais fan oídos xordos á resposta na que o Bispado de Mondoñedo-Ferrol se responsabiliza do traslado da imaxe, unha decisión que dependeu unicamente da Igrexa. 

Os actos remóntanse á petición do propio bispado para situar a escultura do Sagrado Corazón no convento do Rosario, onde están instalados a igrexa parroquial, a casa reitoral e o propio concello. O día 9 de maior procedeuse ao traslado da escultura, acción que a revista de extrema dereita “hazteoir” aproveita para denunciar ao BNG de estar “profanando co ánimo de ofender e ultraxar aos crentes” unha imaxe que cualifican de grande valor patrimonial e de moito aprecio pola veciñanza. 

O Bispado tiña coñecemento, por parte do propio concello, do inicio das obras no edificio anexo do Pazo da Marquesa co fin de convertelo nunha escola infantil e foi a propia diocese da que depende a parroquia a que demandou o traslado da imaxe por medio dunha carta. Ademais da escultura, desde a Diocese solicitouse que se trasladasen tamén os bancos, as vidreiras e o altar do edificio que con anterioridade fora capela do pazo anexo que ficaba xa sen uso relixioso. O propio persoal enviado pola diocese foi o encargado de trasladar a escultura, operación da que o  xornal cristián de dereitas difunde fotos para acusar ao concello de ter mostrado de forma “moi ferinte” a imaxe da escultura rota polo medio. As fotos que se difundiron foron tomadas por propios encargados do traslado a cargo da Igrexa que non cubriron a imaxe antes da súa desmontaxe, carga e descarga. 

Malia teren coñecemento, por parte do propio Bispado, da responsabilidade única do traslado das autoridades relixiosas, dan a entender que todo é unha operación contra a igrexa e feita ás costas da propia Diocese. De todas maneiras, o que o xornal cristián interpreta como unha “humillación” é o traslado normal dunha escultura que foi construída en dúas pezas logo ensambladas cal o máis acaído é a desmontaxe previa para un máis fácil e seguro traslado.

O Concello sorprendido polas "mentiras"  

“Quen a retirou foi persoal enviado pola Diocese. Ninguén do Concello interveu na desmontaxe da imaxe”, explica o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, sorprendido polas “mentiras” difundidas polo medio e mesmo pola publicación dun modelo de carta para enviar ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence no que solicitan sinaturas para solicitarlle que “emita un comunicado en nome do BNG disculpándose polos feitos e que se comprometa a frear en diante calquera intento de ofender, humillar e ultraxar aos crentes, comprometéndose co dereito dos cidadáns á liberdade relixiosa e de conciencia”. 

Trátase do terceiro traslado da escultura en menos dun século, desta volta, dada a propia solicitude do bispado da doazón "dos bens mobles de uso exclusivamente relixioso e litúrxico" do edificio anexo ao Pazo co fin de trasladalos ao convento. A figura situábase enriba dunha peana de cemento da cal foi despegada nunha operación dirixida polo técnico encargado pola Diocese que decidiu desmontar as dúas pezas das que se compón a imaxe para o seu traslado ao convento do Rosario. A sede parroquial fixo unha celebración ao recibir a imaxe, soando o himno de España a través da megafonía do campanario. 

O xornal “hazteoir” acusa ao concello de San Saturnino non só de “humillar” a figura do Sagrado Corazón senón que chega a denunciar que tratan de convencer ao estudantado de que elixan a alternativa a relixión e que desde a entidade municipal están a desenvolver unha campaña de acoso ao cura párroco.