Xosé Manuel Becerra Pardo, “O PP tense que pronunciar sobre o apoio á represión franquista do alcalde de Baralla”

Xosé Manuel Becerra Pardo, “O PP tense que pronunciar sobre o apoio á represión franquista do alcalde de Baralla”
Xosé Manuel Becerra
Xosé Manuel Becerra  

No último pleno de Baralla, o alcalde Manuel González Capón (PP) xustificou a represión franquista argumentando que as vítimas eran porque "o merecían". Respondía no debate ao voceiro do BNG, Xosé Manuel Becerra Pardo con quen mantivo un forte enfrontamento que o nacionalista esixiu que constase en acta. O alcalde chegou a comparar o rexime de Franco co dos Estados Unidos xa que, segundo el, a pena de morte se executa despois dun xuízo. 


-O alcalde de Baralla, Manuel González Capón (PP) afirmou no pleno que as persoas condenadas polo franquismo era “porque o merecían”. Como se produce este episodio?

Nace a raíz da moción do PP de condenar Resistencia Galega. No debate fixen a petición de que se retirase e argumentei, entre outras cousas, que aínda non había ningunha condena xudicial. Lembreille tamén que unha das persoas que estaba a ser xulgada, María Osorio, é veciña de Becerreá, concello no que o PP retirou a moción. No debate saíu o nome de Franco e o alcalde comezou a dicir barbaridades como que nós só nos acordabamos dos “rojos” e que morrera xente de todas as cores. Eu contesteille que estabamos a falar de vítimas dun golpe militar que tombara un goberno democrático e que iso non tiña discusión histórica. Lembreille que houbera unha persecución política e que moita xente rematou fusilada nas gábeas e que o que estaba el a dicir estaba lonxe de calquera rigor histórico. É un delirio que condene Resistencia Galega, cos votos do PSOE, e defenda o franquismo. 

-Non foi entón unha frase saída de contexto senón que se enmarcaba nun debate máis longo?

Así foi. A raíz desa intervención foi cando o alcalde afirmou que se morreran era porque o merecían. Eu chameille a atención de que estaba a dicir barbaridades e pedinlle á secretaria que fixera constar en acta as súas palabras. 

-Tiña antecedentes en intervencións deste tipo?

Non é habitual que no pleno se dean debates de tipo ideolóxico nin el se ten caracterizado por facer afirmacións deste tipo. Chegou a comentar que os fusilados do franquismo, cando menos, tiveran xuízo, cousa que non pasaba no terrorismo, e eu contesteille que non eran xuízos senón farsas e que cumpría, entre outras cousas, lembrar aos veciños e familiares de Baralla que remataran nas gábias. Nese momento de desvarío chegou a falar dos Estados Unidos, onde había condenas a morte con xuízos previos. Segundo el, o que fixera Franco eran “uns pantanitos”. O resto do debate estivo marcado por unha forte tensión. Díxenlle que os membros do BNG, con Franco, seríamos candidatos a rematar nas cunetas. 

-En Baralla hai moitas vítimas do franquismo?

Trátase dun concello limítrofe con Castroverde, onde se produciron os fusilamentos de Montecubeiro no que foron asasinados quince veciños. O que si hai memoria en Baralla é de malos tratos, cárcere e persecución. Non hai os casos de vítimas mortais de Castroverde, Láncara ou Sarria mais si hai represaliados e constancia viva de familiares que sufriron persecución política. 

-Como foi a reacción dos outros concelleiros do PP?

Non hai fisura de ningún tipo. Non é unha afirmación do cabeza da lista senón compartida polo grupo municipal que, mesmo nun caso, avalou de forma máis expresa a postura do alcalde. 

-En Baralla persisten símbolos franquistas?

Queda un escudo franquista, esculpido na parede, na escola rural de San Martiño de Neira de Rei. Cando se aprobou a Lei da Memoria Histórica presentaramos unha iniciativa para eliminar calquera símbolo fascista pero non saíra adiante. 

-Que repercusións políticas pode ter o posicionamento do alcalde de Baralla?

Nós quixemos que constase en acta para que tamén tivese efectos políticos. Levaremos o tema ao Parlamento a través dalgunha iniciativa para que se faga manifesta a postura do PP, que se lle pidan aclaracións a nivel parlamentario. Tense que posicionar sobre a barbaridade do alcalde de Baralla. 

-Tiveran algún enfrontamento tan forte no pleno?

A verdade é que non é nada normal alcanzar niveis de tensión aos que se chegou no pasado pleno. Mesmo o PP de Baralla aprobou algunhas das mocións que nós, o BNG, presentara no Pleno como a recente na que se lle reclama á Xunta un cambio na política mineira.Con iniciativas de perfil ideolóxico é difícil, normalmente foxe dos debates. Sen embargo, neste caso, apoiou a nosa iniciativa para manifestarse en contra dunha explotación deste tipo. 

-A oposición ao proxecto de mina é entón unánime?

No Concello aprobouse por unanimidade. Unha explotación que emprega arsénico e cianuro non é a alternativa económica, ambiental e social que precisa Baralla. A raíz da situación de Corcoesto parecía oportuno que o Concello manifestase a súa oposición ás explotacións a ceo aberto desde o inicio polas graves consecuencias da utilización de velenos. O concello segue a padecer unha importante regresión demográfica e se se destrúe o futuro dos sectores de actividade como son o agrogandeiro e o turístico e patrimonial xa se lle pode poñer un candado.