As fotos de Feijóo co narco Marcial Dorado escandalizan a imprensa internacional

As fotos de Feijóo co narco Marcial Dorado escandalizan a imprensa internacional

Italia, Irlanda, Alemaña ou Francia. As fotografías do presidente da Xunta cun narcotraficante acaparan presenza na prensa internacional, que mostra abertamente a súa sorpresa por esta relación, por moito que acontecese hai anos. 


Marcial Dorado é.... trafiquant de drogue (francés), capo narcos (italiano), drug smuggler (inglés) ou drogenhändler (alemán). En galego, narcotraficante. As fotografías de Marcial Dorado con Núñez Feijóo deron a volta o mundo, con destacada presenza en diversos medios de comunicación. Se o actual presidente da Xunta se acolle á máxima de 'que falen de min, aínda que sexa mal', non lle podería saír mellor. Xornais de Francia, Italia, Alemaña ou Irlanda publican nova e fotos sobre a relación de Feijóo con Marcial Dorado, prantexando interrogantes e cuestións que nas que na prensa galega maioritaria optan por non aprofundar.

O italiano Corriere della Sera foi un dos primeiros en se facer eco da nova. Titulou 'Escándalo sacode política española' e califica sen ambaxes ao compañeiro de Feijóo nas fotografías do iate de 'capo'. Unha palabra máis que contundente e que os e as italianas coñecen ben. Para este xornal, non hai dúbida de que Dorado era “moi coñecido” polas súas actividades nos anos da súa amizade co actual presidente.

"De vacacións co narcotraficante"

Tamén a prensa da todopoderosa Alemaña, ese país ao que o PP español tanto tenta compracer e satisfacer nas medidas para sair da crise, recolle o escándalo. O Süddeutsche Zeitung non ten dúbidas no titular escollido: "De vacacións co narcotraficante". Na información este diario faise eco do 'escándalo' que estas fotografías xeran na olítica xa non só galega, senón a nivel de Estado español.

Tamén en Irlanda, o Irish Time, un dos xornais máis influíntes na illa, acolle nas súas páxinas da sección de internacional a noticia das fotografías de Núñez Feijóo co narco arousán. "Galician premier under fire as links to jailed drug smuggler revealed" . A revelación das relacións do mandatario galego cun traficante de droga encarcerado poñen a Feijóo nunha situación máis que complicada. 

"Fotos do máis comprometedoras"

Tamén en Francia as amizades de Núñez Feijóo cando era alto cargo da Consellería de Sanidade teñen espazo nos medios de comunicación. E non en calquera, senón en Le Monde, toda unha referenza para a clase política e económica do hexágono. Este xornal fala de "fotos comprometedoras" e de como estas poñen ao presidente da Xunta nunha situación máis que complicada. "Trafiquant de drogue", califica o xornal a Dorado.

Aliás, no que atinxe a redes e portais das redes sociais, a nova de Feijóo e Dorado non coñece fronteiras. Triste, como di un usuario de twitter, que para moitas persoas do mundo, a primeira noticia que teñan dun país chamado Galiza é que o seu presidente tivo relacións con narcotraficantes.