11S: unha Diada multitudinaria para “facer a República catalá”

11S: unha Diada multitudinaria para “facer a República catalá”
Imaxe: Adriá Costa (Nació Digital)
Imaxe: Adriá Costa (Nació Digital)  

Máis de 440.000  persoas inscribíronse para tomar parte esta terza feira, 11 de setembro, nunha nova mobilización multitudinaria en Barcelona do independentismo, baixo a convocatoria da ANC. Un evento no que estará presente a defensa do "mandato" do pasado 1 de outubro e a demanda de liberdade para os presos e presas políticos e o retorno dos e das exiliadas. En Vigo haberá unha concentración solidaria convocada pola Plataforma Galiza con Catalunya. 

 


 

11 de setembro, Diada catalá, e de novo prevese máis unha mobilización multitudinaria do independentismo nesta data. Ás portas da fin de semana había máis de 440.000 persoas inscritas para tomar parte na acción da ANC, entidade que agarda encher a Diagonal de Barcelona de punta a punta. Hai perto de mil autocares que se desprazarán desde diferentes partes de Catalunya até a cidade condal.

 

A ANC chama o independentismo a mobilizarse para exixir do Govern que implemente a República e para denunciar o “clima de excepcionalidade” que o pobo catalán sofreu desde a Diada anterior: represión, aplicación de 155, presos e exiliados… “Só coa forza da xente conseguiremos que se implemente o mandato do referendo do 1 de outbro”, reivindica ANC.

 

O obxectivo para esta xornada nesta edición é encher a Diagonal de Barcelona, entre o Palau de Pedralbes e a rúa Castillejos, dividida en 37 tramos e catro bloques, e onde se distribuirán as ducias de miles de persoas inscritas.

 

A mobilización comezará ás 17.14 horas mais desde a ANC demandan que todas estean no sitio asignado ás 16:00 horas. O reto desta Diada é facer unha gran onda que vaia desde un extremo a outro da Diagonal para reclamar a República Catalá.

 

Ao longo da xornada haberá, aliás, diferentes actos para exixir a liberdade dos presos políticos e a volta dos exiliados. De por parte, e para alén da mobilización unitaria, tamén hai outras convocatorias a maiores, como a da esquerda independentista.

 

Desde o unionismo tamén programaron un evento para o Día Nacional de Catalunya. Ciudadanos  convoca un ‘acto-mitin’ contra o independentismo e para denunciar que “a Diada” está “secuestrada” polo soberanismo.

 

Por súa parte, a Plataforma Galiza con Catalunya convoca unha concentración en Vigo para este 11 de setembro: ás 20:00 horas no Marco de Vigo e co lema ‘República catalá, república galega’.



x