AS FORZAS SOBERANISTAS DE EUSKADI E CATALUNYA, DECISIVAS

180 votos dan a presidencia a Pedro Sánchez, tomban Raxoi e frean Rivera

180 votos dan a presidencia a Pedro Sánchez, tomban Raxoi e frean Rivera
Foto: A Moncloa
Foto: A Moncloa  

Unha coligazón heteroxénea formada por PSOE, Unidos Podemos e as forzas soberanistas vascas e catalás abriu esta sexta feira un novo ciclo político no estado. A primeira moción censura triunfante no réxime político de 1978 converteu esta sexta feira Pedro Sánchez en presidente do goberno. Cae Mariano Raxoi -que no seu discurso de retorno ao Congreso após as súas 8 horas de reclusión nun restaurante madrileño deixou ver que pretende pilotar o PP nos próximos meses- e ve freadas as súas ambicións presidenciais Albert Rivera, ao se afastar a perspectiva de eleccións anticipadas.


A chave do triunfo de Sánchez foi a súa decisión de non demonizar o apoio das forzas independentistas, a apresentación desta moción como unha oferta política lanzada aos 350 parlamentares do Congreso, sen exclusión. Abría así o líder do PSOE un diálogo até agora tido por imposíbel coas forzas independentistas catalás -os 9 escanos de ERC e os 8 do PDecAT. Do ganchete dese apoio conseguiu o candidato socialista o respaldo do PNV, ao que tivo, alén de máis, que lle entregar en bandexa de prata o compromiso de non tocar os orzamentos que Sabin Etxea negociara previamente con PP e con Cs. Obtido o 'nihil obstat' do Euskadi Buro Batzar, a sorte de Raxoi estaba botada.

Resistiu con enteireza Raxoi o acoso dos meios da direita -e tamén de PRISA- que nas últimas horas bombardearon o PP con reiteradas peticións de demisión do seu líder. Raxoi non renunciou porque de o ter feito perdería toda opción a liderar o partido nos meses que veñen. No seu breve discurso de despedida no Congreso, o político nado en Compostela parabenizou Sánchez pola súa vitoria e deixou unha frase que en si propia é unha reivindicación do seu legado, sinal de que non está a pensar nunha retirada inmediata: "Foi un honor deixar unha España mellor da que a atopei. Oxalá o meu substituto poda dicir o mesmo no seu día. Deséxollo polo ben de España".

A convicción do PP é que Sánchez fracasará ao fronte dun executivo tildado polos conservadores de "Frankestein", en alusión ás enormes contradicións -recoñecidas polo propio Sánchez por exemplo no seu debate con Joan Tardá- que existen entre as bancadas que deron o seu apoio á moción. Todo indica que Raxoi asumirá o rol de xefe da oposición, coa intención tamén de pilotar a hipotética transición que eventualmente se poda abrir no partido con máis escanos (137) no Congreso dos Deputados.

E mentres tanto, desde Cs vese con preocupación como se afasta do horizonte a convocatoria das eleccións. Non é o único problema para o partido laranxa, tamén o é a partir de agora a batalla a sangue e ferro que a bon seguro librará co PP para se alzar coa primacía da dereita española.

180 votos a favor, 169 en contra, 1 abstención

O taboleiro de marcas da moción ficou como estaba previsto: 180 votos a favor (PSOE, Unidos Podemos e confluencias -entre elas En Marea-, ERC, PDeCAT, PNV e Bildu), 169 en contra (PP e Cs) e 1 abstención (Coalición Canaria).