SERMOS GALIZA 227

2016: O ano que cambiou o escenario mundial

2016: O ano que cambiou o escenario mundial
Fidel Castro_Cubadebate
Fidel Castro_Cubadebate  

No derradeiro número do ano, o 227, o Sermos Galiza (xa á venda na loxa e nos quiosques) bota a ollada atrás para ofrecer unha sintética retrospectiva dos principais feitos e acontecementos que caracterizaron o devir internacional no 2016. Recollemos un extracto da reportaxe.


Do levantamento das sancións contra o Irán até a vitoria de Donald Trump, pasando polo Brexit, o impeachment no Brasil ou a liberación de Arnaldo Otegi. Un ano intenso en que a axenda internacional foi determinante.

resumo_anoRusia recupera protagonismo

A Federación Rusa gañou enteiros como actor global. Un pretenso que o goberno de Putin xa anticipaba na Conferencia de Seguridade de Múnic, decorrida no mes de febreiro. Nesa cimeira, o primeiro ministro, Dimitri Medvédev, alertaba dunha nova “guerra fría” por causa da política expansiva da OTAN. O papel xogado por Rusia na guerra de Siria como principal apoio das forzas gobernamentais contra o Daesh e outros grupos terroristas valeulle unha crecente hostilidade por parte das potencias occidentais. O derrubamento dun avión de combate ruso por parte do exército turco puxo en suspenso as relacións entre ambos os países, que se reiniciaron varios meses despois tras as desculpas oficiais de Ankara.

Arnaldo Otegi sae da prisión

O 1 de marzo Arnaldo Otegi saía de prisión após facer seis anos e medio de condena por ter apostado na reconstrución política da esquerda abertzale tras a ilegalización de Batasuna. Elixido secretario xeral de Sortu en 2013, cando inda ficaba preso, a posta en liberdade de Otegi supuña a recuperación dun dos principais activos políticos da esquerda independentista vasca, chamado a encabezar a candidatura á lehendakaritza. Porén, os tribunais españois tronzaron esa posibilidade ao considerar, contrariando a xurisprudencia existente, que Otegi ficaba inda inhabilitado. “Sorride porque imos pelexar, e se pelexamos gañaremos”, foi unha das primeiras mensaxes ao ser liberado.

Impeachment contra Dilma

O 31 de marzo o Senado do Brasil retiraba definitivamente Dilma Rousseff da Presidencia do país. Culminaba así o proceso de impeachment iniciado 8 meses e 17 días atrás, e que xa dera lugar á suspensión da mandataria por seis meses. Unha decisión cualificada de “golpe institucional” ao subverter a vontade popular do pobo brasileiro malia non se ter acreditado ningunha causa de responsabilidade que xustificase constitucionalmente o seu cesamento. A presidenta foi sucedida no cargo polo seu vicepresidente e anteriormente socio, Michel Temer, do dereitista PMBD. Durante meses prolongáronse os protestos sociais contra o golpe, que tiveron o seu punto álxido durante a celebración dos Xogos Olímpicos.

[Podes ler a reportaxe íntegra, en que recollemos os 12 fitos máis relevantes de 2016 a nivel internacional no Sermos Galiza 227, á venda na loxa e nos quiosques]