MARTÍN PACHECO, CÓNSUL DE VENEZUELA PERANTE AS ELECCIÓNS DO 20M

"A Revolución non se vai entregar porque custou moito chegar até aquí"

"A Revolución non se vai entregar porque custou moito chegar até aquí"
Martín Pacheco. Cónsul de Venezuela na Galiza
Martín Pacheco. Cónsul de Venezuela na Galiza  Foto: cedida.

Martín Pacheco Murillo, aos seus 70 anos, ten moita memoria que contar da Revolución bolivariana, mais o seu ollar prefire proxectarse cara ao futuro, cara ás decisivas eleccións presidenciais venezuelanas deste próximo 20 de maio. "O pobo venezuelano teno moi claro e a paz vai vencer a violencia", agoira. Primeiro xefe de imprensa de Hugo Chávez, quer como candidato quer como presidente da República, é o cónsul xeral de Venezuela na Galiza. Avogado, diplomático, xornalista, Martín Pacheco fala tamén nesta entrevista da intervención de Banesco por parte das autoridades do seu país.


Como xornalista, Martín Pacheco ten un currículo imponente -45 anos de exercicio nos principais meios audiovisuais do seu país- ; como diplomático, a súa folla de servizos rexista destinos relevantes para Caracas, nas Antillas -en Curação-, nos EUA -en Boston- e agora na Galiza. Home da máis absoluta confianza do líder histórico da Revolución bolivariana, Hugo Chávez Frías ("boteime con el á estrada cando se puxo a percorrer o país a primeira vez que se apresentou como candidato"), aténdeme por telefone desde a sede do Consulado, en Vigo. No horizonte, as eleccións á presidencia da República do próximo domingo. Un novo test para a Revolución bolivariana, en plena axitación contra-revolucionaria por parte da oligarquía. Trátase dun confronto durísimo e sen concesións, cunha parte da dereita a conspirar abertamente con Washington para derrocar o goberno socialista de Nicolás Maduro. A diferenza do Occidente máis desenvolvido, a campaña non se libra só nas redes, nos platós de televisión ou nos auditorios dos mítins. Líbrase tamén no terreno da economía, coa oligarquía a especular contra a moeda nacional e a provocar deliberadamente desabastecimentos nos mercados de produtos de primeira necesidade, para alimentar o malestar social e criar así o caldo de cultivo que leve á caída de Maduro. Iso non vai suceder, considera o cónsul. "O pobo venezuelano non vai entregar as conquistas da Revolución", afirma. E engade: "Os EUA están no desespero porque ven que non están a conseguir os seus obxectivos de desestabilización".

 

Ao longo da conversa, o cónsul remarca unha e outra vez que o pobo venezuelano debe votar masivamente este 20M e que o proceso eleitoral ten todas as condicións para ser absolutamente limpo. "De feito, o presidente Chávez incorporou ao Consello Eleitoral Nacional todas e cada unha das garantías que estaban para ser asinadas no diálogo que mantivo coa oposición na República Dominicana", afirma.

 

-Que pon en xogo Venezuela nas eleccións deste 20 de maio?

 

-Pois o futuro do país. Iso é o que pomos en xogo. E facémolo dunha forma democrática, plural, con plenas garantías e desde o total respeito á nosa constitución e ás nosas leis. Este 20M o que veremos será o pleno exercicio da soberanía por parte dos venezuelanos. Serán eles os que decidirán democraticamente o seu futuro. Farano, iso si, nun contexto moi difícil, marcado pola guerra brutal -económica, financeira, mediática- que se está a librar contra o país desde distintos ángulos, desde a oligarquía venezuelana até o imperialismo norteamericano pasando pola Unión Europea e algúns países latino-americanos que se puxeron ás ordes de Washington. Esa guerra brutal haina que enfrentar porque é inxerencista, viola todos os dereitos humanos, os principios fundamentais do dereito internacional, a Carta da OEA, a das Nacións Unidas... Nesa loita o pobo venezuelano teno moi claro: debemos impor a paz, a razón, a sindéresis [a capacidade para xulgar as cousas con acerto], por cima daqueles que queren impor a violencia.

 

-Sectores relevantes da oposición, os máis conectados co exterior do país, cuestionan abertamente a lexitimidade das eleccións. Falan de fraude, falan de ditadura...

 

-Por iso é importante que nós esclarezamos ben este asunto. A inmensa maioría dos meios de comunicación social desvirtúan o que está a acontecer en Venezuela, confabulados para trasladar a imaxe de que as eleccións son ilexítimas. Pois non hai nada máis falso. As eleccións responden a un mandato da Constitución que estabelece eleccións á presidencia da República cada seis anos. Ese é o lapso fixado, que vencía este próximo mes de decembro. Que fixo o goberno? Pois adiantar os comicios para, en cumprimento con outras leis, realizarmos tamén as eleccións aos consellos municipais e as consellos lexislativos dos estados. A oposición alega que se está a violar a Constitución, mais o que fixo o Goberno foi cumprila escrupulosamente. O artigo 347 [da Carta Magna] estabelece que o pobo venezuelano é o depositario do poder constituínte, isto é, que está por cima dos poderes estabelecidos. E será o pobo venezuelano quen decida que quer facer este 20M.

 

FOTO CONSUL GENERAL  VENEZUELA MARTIN PACHECO

 

-A oposición -co apoio da imprensa internacional que orbita arredor do imperio- alega que Henrique Capriles e Leopoldo López [líderes da dereita pro-Washington]- son presos políticos.

 

-En Venezuela non hai presos políticos. En Venezuela hai algúns políticos que están detidos por cometeren delitos. Delitos penais inclusive. Por exemplo, Leopoldo López. Está acusado de ser o autor intelectual do chamamento á célebre La Salida [mobilizacións contra o goberno de Maduro en 2014 que se saldaron coa morte de 43 persoas]. Que foi a Salida? Foi botar a xente á rúa, destrozar equipamentos e edificios públicos, atentar contra as persoas, violentar a actividade normal. Alén do máis, el fíxose responsábel publicamente, a través dos meios de comunicación social, dese chamamento. Foi investigado e xulgado por instigación a delinquir, por asociación a delinquir e por chamar a rebelión, que é un delito en calquera país [López foi condenado finalmente a 13 anos e 9 meses de prisión]. Pois ben, esa é unha cousa e outra moi distinta é que el fose dirixente dun partido político. Non está detido por iso, está detido por ter cometido delitos.

 

-Ben, hai moitos meios de comunicación españois que din que en España non hai presos políticos, mais que si os hai en Venezuela. É curioso, non?

 

-Son curiosas esas apreciacións, mais eu como cónsul non me podo meter na política interna de aquí. Eu son moi respeitoso con iso. Mais noutros países cando se queima un vehículo público, cando se queima as persoas, cando se destrúen propiedades do estado ou se prende lume ao tribunal supremo de xustiza, cando se atenta con armas contra cuarteis e funcionarios da garda nacional, cando se fai todo iso... E que iso non son delitos? Sono en calquera parte do mundo. Aquí, en democracia, ou nunha ditadura, ou nun goberno socialista, ou nun goberno comunista, eses non son delitos políticos, son comúns. Delitos políticos sería que a vosté lle estivesen impedindo o seu dereito a participar na constitución dun partido ou saír á rúa a pedir o voto. Mais iso non ocorreu con ningún partido en ningunha época en Venezuela.

 

-Dicía antes que a situación do país é moi complexa, cunha guerra económica lanzada pola oligarquía contra o goberno de Maduro que está a afectar seriamente a calidade de vida do pobo. Que propostas ten a candidatura do presidente da República para gañar esa guerra?

 

-O presidente Maduro está a facer un grande esforzo por superar esta situación. Creou, para comezar, unha Caixa de Alimentos para asegurar o acceso da populación aos bens de primeira necesidade. A oposición di que Venezuela sofre unha emerxencia alimentaria, mais despois prohíbeselle ao país [reférese ás sancións impostas por Washington a Caracas] mobilizar máis de 2.500 millóns de dólares -os bancos impídeno- cando é diñeiro para comprar medicinas e alimentos. Esa guerra económica tivo a súa base central no ataque á moeda. Todo o diñeiro venezuelano, através dos bancos privados, marchou a Colombia co fin de atentar contra o bolívar. En Venezuela é difícil ter diñeiro en efectivo porque os bancos non dan as cantidades necesarias, porque as mafias se apoderan do efectivo para o levar a Colombia ou outros países, por suposto coa connivencia dos gobernos deses países. En todo caso, o pobo venezuelano está firmemente comprometido coa democracia, coa Revolución bolivariana, coa defensa da soberanía. Para nós trátase de non lle facer caso á anarquía, á arrogancia, ao desespero do exterior. O importante para nós é garantir que os venezuelanos vaian masivamente o 20M a votar. Estou certo de que un novo triunfo lle vai garantir ao presidente estar en condicións de pór en andamento políticas e medidas preparadas polas equipas técnicas que o asesoran, tamén co apoio dos nosos países amigos, potencias aliadas como China, Irán ou Rusia. Esas políticas, que o presidente xa ten en mente, e reforzadas polo apoio popular que seguro han ter o 20M, permitirán ao país comezar a superar esta crítica situación.

 

-Na frente internacional, Venezuela, con efeito, ten aliados, mais tamén adversarios moi poderosos, a comezar polos EUA -que esta semana pediu mesmo a suspensión da presenza de Caracas na OEA- e a seguir por Arxentina e infelizmente polo Brasil...

 

-Si, en todo caso os Estados Unidos están nun certo desespero porque non lles están a funcionar as medidas que adoptaron contra o país. Porque a populación, embora estar nunha situación complicada, está a lle dar respaldo á Revolución. A xente sabe que a Revolución non se vai entregar porque custou moito chegar até aquí, custou moito alcanzar as conquistas sociais que deron dignidade a sectores populares que estiveron historicamente invisibilizados no país e que teñen o aval dunha Constitución que garante todos os dereitos aos venezuelanos e estabelece unha democracia participativa e protagónica do pobo. O desespero dos nosos adversarios ten como orixe que Venezuela non se ten posto de xeonllos. Porque se se puxese, encheríanse todos os anaqueis, todas as estanterías [das tendas e dos mercados], e todas as institucións internacionais se poñerían ás nosas ordes, pero o que non queremos é entregar a Revolución, non nos imos render, os seus planos de invasión fracasarán. Eles falan dunha nova política monetaria, mais esa nova política monetaría sería para ocupar o país, para apoderarse das inmensas riquezas que ten Venezuela.

 

-Un triunfo de Maduro resultaría nunha profundización da Revolución?

 

-A resposta a esa pergunta está en mans do presidente e dos altos dirixentes do partido e dos partidos que apoian o Consello Revolucionario. O fundamental agora é irmos a unhas eleccións libres, democráticas, e aquí quero enfatizar que existen garantías plenas para todos os partidos que participan... Hai algo moi importante que quero resaltar: hai 19 partidos políticos nacionais legalmente inscritos perante o Consello Eleitoral Nacional. Deses 19 partidos só 4 non van ás eleccións. Van 15! E hai 5 candidatos presidenciais. De maneira que cando se fala da "oposición" non se está a ser preciso, é só unha parte da oposición a que cre que hai que impor a política através da violencia, através da guarimba, através de derrocar o presidente Maduro. Ese sector da oposición só ten un programa que lle presentar ao país: que se vaia Maduro. Mais non ten unha alternativa económica, unha alternativa política, non teñen un programa de goberno críbel. Están divididos e subdivididos. Só os une o odio a Chávez primeiro e a Maduro agora. Como a MUD [Mesa da Unidade Democrática] desapareceu praticamente, polas súas divisións internas, agora van cada un polo seu lado, e iso en certo modo beneficia o Grande Polo Patriótico, a grande frente que lidera o presidente. Mais o realmente importante é ir votar para superar todas estas situacións e para ter a lexitimidade que nos dan a Constitución e as leis.

 

Martín Pacheco, cónsul de Venezuela, co alcalde de Vigo, Abel Caballero.

 

-O 20M, que participación agarda da comunidade venezuelana que vive na Galiza?

 

-É importante subliñar que o Consulado actúa aquí como unha especie de delegación do Consello Eleitoral Nacional. En Venezuela teñen dereito a voto 20,5 millóns de persoas. No exterior están habilitados para votar 108.623 venezuelanos. En Galiza e o Principado de Asturias -que é a xurisdición deste Consulado- o censo é de 2.131 eleitores que poderán depositar o seu sufraxio en catro mesas que instalaremos aquí na nosa sede de Vigo. A xornada eleitoral comezará ás 6 da mañá e decorrerá até as 18 h da tarde. E desde logo facemos un chamamento á participación masiva de todos os venezuelanos, tanto no país como no exterior.

 

-Última cuestión, xa fóra da axenda eleitoral. Como lle explicaría ás leitoras e leitores de Sermos o asunto da intervención de Banesco por parte das autoridades públicas venezuelanas?

 

-A intervención de Banesco é produto dunha decisión do Executivo porque, de acordo coas informacións que manexaban os distintos organismos de seguridade do país, en Banesco cometéronse presuntamente irregularidades. E digo presuntamente porque a investigación xudicial aínda está aberta e non foi resolvida. En todo caso, o que se puxo en marcha foi unha intervención [da entidade] por 90 días, non se trata dunha intervención definitiva. Esta foi unha investigación de todos os organismos de seguridade encabezados polo fiscal xeral da República. E as irregularidades, presuntamente, apuntan a delitos tipificados nas leis bancarias e tamén ao non cumprimento das normas legais previstas para evitar a lexitimación [branqueamento] de capitais. Estaríamos tamén, sempre aparentemente, perante un atentado contra a moeda venezuelana, porque eles teñen que garantir o fluxo do diñeiro. Pois pretensamente eles [os directivos de Banesco] recibían o diñeiro en moeda venezuelana, embalábano e enviábano a Colombia.

 

-Como cónsul mantivo algún contacto con Juan Carlos Escotet [presidente de Banesco e Abanca] ou el dirixiuse directamente ás autoridades venezuelanas?

 

-El nunca se puxo en contacto co Consulado, no mínimo desde que eu estou á fronte. Escuso dicer que se el precisa facer calquera dilixencia, con moito gosto nós estamos á orde para o atender como venezuelano. É o noso deber. As portas do consulado desde logo están abertas.

 

Nota: Nunha das fotografías -todas cedidas polo Consulado- Martín Pacheco aparece co alcalde de Vigo, Abel Caballero.

 



x