O BLOQUE SOBERANISTA REVALIDARÍA A MAIORÍA ABSOLUTA

47,8 por cento a favor da independencia de Catalunya

47,8 por cento a favor da independencia de Catalunya
Parlament de Catalunya
Parlament de Catalunya  

ERC continúa por diante, e bastante, de Junts per Catalunya. Así o volta a ditaminar a demoscopia, desta vez o Centro de Estudos de Opinión da Generalitat. As voces favorábeis á independencia van a máis: obterían 47,8 por cento dos votos, un punto por cima do barómetro de xullo.


ERC sería hoxe a primeira forza do Parlament con entre 36 e 38 deputados, até 7 máis dos que ten neste momento. Daría o sorpasso a Ciudadanos, que experimentaría unha significativa caída, desde os actuais 36 a 29 ou 30. O partido do presidente da Generalitat, Quim Torra, e do titular do Govern no exilio, Carles Puigdemont, recebe unha moi má noticia neste inquérito, na liña dos últimos publicados: conseguiría entre 23 e 24, 10 menos dos asentos dos que agora dispón na cámara catalá.

Baixa JxCat, mais non así o bloque soberanista. As perdas polo flanco do centro-dereita vense compensadas polo incremento nas intencións de voto da CUP, que daría un chimpo dos seus 4 escanos actuais a 10 ou 11.

Nas filas do unionismo, o PSC podería sumar un deputado máis (até 18), en tanto que Catalunya en Comú —contraria á independencia, mais non ao referendo— racharía coa súa xeira negativa e aumentaría o seu número de actas, de 8 a 12 ou 13.

O PP continuaría a ser unha forza residual, a explorar o seu chan. Ten neste momento 4 escanos. A enquisa prognostícalle 2-3.

Maioría aboluta independentista

O bloque independentista retería e até ampliaría a súa maioría no Parlament. Sumaría entre 69 e 73, sendo 68 o linde da absoluta.

Na elección binaria, independencia si ou non, gañaría a opción por un estado propio: 47,8 por cento fronte a 43,2 por cento, mais a percentaxe de apoios —cuxa tendencia é crecente— ficaría aínda por baixo de 50 por cento.



x