A ULTRADEREITISTA LIGA PASA Á OPOSICIÓN

Os 5 Estrelas forman novo goberno en Italia co PD

Os 5 Estrelas forman novo goberno en Italia co PD
O futuro primeiro ministro italiano Giuseppe Conte (á dereita) despacha este 29 de agosto co presidente da República Sergio Mattarella (segundo pola dereita) no Palacio do Quirinale en Roma. Foto: @Quirinale
O futuro primeiro ministro italiano Giuseppe Conte (á dereita) despacha este 29 de agosto co presidente da República Sergio Mattarella (segundo pola dereita) no Palacio do Quirinale en Roma. Foto: @Quirinale  
O avogado Giuseppe Conte será de novo primeiro ministro de Italia. Pero desta volta grazas ao apoio do Movemento 5 Estrelas -a organización que o propuxo no pasado mandato- e do Partido Democrático. A ultradereitista Liga, que gobernara cos estrelados, pasa á oposición. Salvini dinamitara o Executivo coa intención de ir a eleccións e superar os 5 Estrelas mais a súa táctica fracasou.

É agora Conte quen deberá pactar un goberno con Luigi Di Maio -cabeza dos grillinos- e o PD. Durante o apenas ano e medio que durou a anterior coalición o seu enfrontamento coa Liga e, nomeadamente, co ministro de Interior Mateo Salvini foi continuo e brutal. Pero o aroma das enquisas favorábeis levou a este a rebentar o acordo e buscar unha convocatoria electoral. Pois ben, nin eleccións nin sondaxes: a Liga comeza a baixar nas proxeccións de voto por primeira vez desde que, en marzo de 2018, entrou no Goberno.

Mais o enésimo xiro da política italiana tampouco suporá tranquilidade. O Movemento 5 Estrelas, que aínda onte era definido por Di Maio como “nin de esquerdas nin de dereitas, posideolóxico”, foi extremadamente crítico co PD e co último ministro desta formación, Matteo Renzi. Este partido, teoricamente situado no centro esquerda pero con sectores máis á dereita, quere agora poñer fin á “tempada de odio” de Salvini.

A Liga aínda non asumiu o seu erro táctico. O xa ex ministro de Interior reclama eleccións e fala de “acordo de palacio” entre os seus antigos socios grillinos e o PD. Os 15 meses que tivo responsabilidades de goberno servíronlle para despregar un discurso racista e antimigrantes e, ao tempo, para recuar na súa prometida oposición ás directrices de Bruxelas e á austeridade ordoliberal.

Non obstante, analistas de esquerda consideran que o ascenso electoral da Liga nos últimos anos ten xustamente a ver coa aplicación unilateral da austeridade ás políticas italianas e que, mentres esta persista, a Liga non verá reducidos substancialmente os seus apoios.