55% dos norteirlandeses prefiren incorporarse a unha Irlanda unida que un Brexit duro

55% dos norteirlandeses prefiren incorporarse a unha Irlanda unida que un Brexit duro

A maioría dos habitantes nos seis condados irlandeses baixo soberanía británica apoia convocar, a curto ou medio prazo, un referendo de reunificación da illa.


"O Brexit pode acabar converténdose nunha oportunidade para avanzar na loita cara a unha Irlanda unida". A afirmación de John Brady, deputado do Sinn Féin no Parlamento irlandés nunha entrevista en Sermos Galiza, semella ser do máis acertada. Polo menos á vista da recente enquisa que vén de publicar The Times e na que se recolle que 55% dos norteirlandeses preferirían incorporarse a unha Irlanda unida que un Brexit duro. A sondaxe recolle que un 11% dos unionistas do Ulster apoiarían esta opción: ser antes parte da República de Eire que ter que sufrir un ‘hard brexit’.

Nesa enquisa tamén se pregunta sobre o apoio entre a poboación de Irlanda do Norte a un referendo de reunificación da illa nunha mesma soberanía. E os resultados tamén indican mudanzas a respecto de anos anteriores. Así, 56% dos norteirlandeses estarían a favor desa consulta a curto ou medio prazo: 20% partidarios que sexa canto antes, 25% nos vindeiros 5 anos e 12% ao longo da próxima década. Pola contra, 17% desexa que o refrendo se faga canto máis tarde mellor e 29% nunca.

O referendo do Brexit deixou en Irlanda do Norte, como en Escocia, un resultado diferente ao do conxunto de Gran Bretaña, onde triunfou o si. Nos seus condados do Ulster 56& dos votantes apoiaron o non por 44% que dixeron si a marchar da Unión Europea.



x