PRENSA LATINA (1959-2019)

60 anos dun medio que quería ser obxectivo, mais non imparcial

60 anos dun medio que quería ser obxectivo, mais non imparcial
Masetti e Guevara no departamento de comunicacións de PL
Masetti e Guevara no departamento de comunicacións de PL  

Sen un medio de comunicación de masas non é posíbel ou facer ou consolidar a revolución. Iso pensaba Lenin en 1900 cando deu a luz Iskra. E iso pensaba Ernesto Che Guevara en 1959 cando fundou a axencia de noticias Prensa Latina. Este 16 de xuño fixo o seu 60 aniversario. "Nós somos obxectivos, mais non imparciais. Consideramos que é unha covardía ser imparcial porque non se pode ser imparcial entre o ben e o mal", afirmaba o xornalista arxentino Jorge Ricardo Masetti, a quen o Che encarregou a dirección do proxecto nos seus inicios.


Masetti xa estivera con Fidel Castro e Guevara en Sierra Maestra durante a guerra revolucionaria contra Batista. As súas célebres crónicas para Radio El Mundo de Bos Aires gañaron non poucas simpatías para a causa dos barbudos. Pouco despois de estes entraren triunfantes na Habana, xaneiro de 1959, Masetti foi chamado polo Che para pór en marcha unha axencia de noticias que tomaba como modelo a Axencia Latina fundada no seu día por Perón en Arxentina. Así nacía Prensa Latina.

"A idea de criar unha axencia latinoamericana non é por certo orixinal. Como non o é tampouco a idea de liberar os pobos latinoamericanos do imperialismo que os oprime. Nós, que sufrimos o monopolio das noticias, da información, ou o da non información, o agachamento e a distorsión, sentimos tamén a necesidade de criar unha axencia noticiosa", deixou escrito Masetti.

Coherente coa súa vocación revolucionaria, e nun tempo de febre guerrilleira, Jorge Ricardo Masetti substituíu a máquina de escribir polo fusil

O xornalista arxentino contratou toneladas de talento para o novo medio, xente con tanto brío e brillo literario como o mesmísimo Gabriel García Márquez. O futuro Nobel de literatura, íntimo amigo de Castro, asumiu as corresponsalías primeiro de Bogotá e despois de Nova Iorque. Estar destacado como correspondente de PL nos EUA nunca foi doado e de feito a presenza da axencia en territorio estadunidense foi discontinua desde o propio nacimento do medio, consecuencia inevitábel das turbulentas relacións, sempre á beira do conflito militar, entre Washington e a Cuba socialista.

Masetti acompañou os pasos de Guevara e abandonou tamén a maior das antillas. Coherente coa súa vocación revolucionaria, e nun tempo de febre guerrilleira, substituíu a máquina de escribir polo fusil. Acabou sendo desaparecido nos 60 polos militares arxentinos, o mesmo destino que correría anos despois outro dos colaboradores fundacionais de PL, o xornalista e escritor montonero Rodolfo Jorge Walsh.

Con este ADN, PL sempre mantivo o seu compromiso informativo en defensa da Revolución cubana e do avance das causas progresistas en toda América Latina. Washington e os seus aliados no subcontinente sempre a tiveron no seu albo: en decembro de 1961, Francisco V. Portela, o seu correspondente xefe en Nova Iorque, foi detido polo FBI, acusado de espiar para A Habana; o 11 de setembro de 1973 os golpistas chilenos tomaron as oficinas de PL en Santiago e os seus xornalistas foron detidos e expulsados do país. O seu correspondente en Granada foi tamén deportado en 1983 polas tropas estadunidenses invasoras. O imperio non quería testemuñas incómodas.

60 anos despois do seu nacimento, e a pesar de ter sofrido incontábeis problemas polo aínda non levantado bloqueo norteamericano, Prensa Latina, cuxo cuartel xeral continúa a estar na Habana, mantén corresponsalías en até 40 puntos do planeta e ten selado acordos de colaboración con máis de 60 axencias e medios de prensa internacionais para a intertroca de información.

PL mantén corresponsalías en até 40 puntos do planeta e ten selado acordos de colaboración con máis de 60 axencias e medios de prensa para intertroca de información

De propiedade estatal, PL —plataforma multimedia con television, radio, editora de libros e un arquivo fotográfico con por volta de 4 millóns de imaxes—transmite a diario por volta de 400 noticias e faino en español, portugués, inglés, francés, italiano e ruso. A súa consulta é imprescindíbel para ter unha visión do mundo álternativa á que ofrecen as axencias de noticias occidentais, maioritariamente en mans privadas e nada amigas do goberno cubano nin de calquera outro actor político progresista latinoamericano.