REFERENDO

86,8 por cento de votos a favor da nova Constitución cubana

86,8 por cento de votos a favor da nova Constitución cubana
Un momento do acto informativo en que se deu conta dos resultados do referendo
Un momento do acto informativo en que se deu conta dos resultados do referendo  

A nova Carta Magna refrenda o socialismo como sistema político e o rol do Partido Comunista Cubano como forza dirixente do país. A participación do corpo electoral alcanzou 86 por cento. O voto contrario á nova Constitución chegou a 9 por cento das papeletas.


Cuba ten nova Constitución, un texto legal que reempraza ao vixente no país desde 1976. As novidades básicas na lei de leis é o recoñecimento explícito do papel do sector privado na economía —sempre subordinado á planificación central—, a limitación de mandatos do chefe do estado —dous períodos de 5 anos— e a criación da figura do primeiro ministro.

Cuba apostaría agora nun modelo de lideranza máis descentralizado e con menos concentración de poder nunha persoa, após décadas de dirección do país a cargo da xeración fundadora da República popular, capitaneada primeiro por Fidel Castro e despois polo seu irmán, Raúl.

A participación no referendo foi alta, ao alcanzar 86 por cento do corpo electoral, aínda que ficou aquén da rexistada no anterior referendo constitucional, o que selou a aprobación da carta magna de 1976. Naquela altura votara 98 por cento das persoas con dereito a voto.

Este domingo, 6,8 millóns de cubanos —86,8 por cento— votaron a prol da nova Constitución, en tanto que 706 mil —9 por cento— o fixeron en contra. 2,5 por cento dos sufraxios foron en branco e 1,6 por cento foron votos nulos.

En 1976 o grao de apoio á Constitución fora maior, 97,7 por cento. Daquela a oposición interna ficara en números residuais, apenas 1 por cento votara contra a Constitución.

A nova equipa dirixente do país, liderada por Miguel Díaz Canel, mostrou a súa satisfacción polo referendo e subliñou a alta participación popular nas asembleas previas habidos en todo o país co texto do proxecto constitucional submetido a debate.