ANÁLISE

A ofensiva Trump

A ofensiva Trump

As sancións, bloqueo e a inxerencia en Venezuela, Cuba, Irán, Siria, Corea do Norte e mesmo contra potencias como Rusia e China son parte dunha guerra non declarada, baixo novas formas, por parte dos Estados Unidos. Esta confrontación ten como obxectivo reverter a tendencia dominante actual que, a medio prazo, cuestiona o dominio absoluto que Washington exerce desde a caída da Unión Soviética (ou cando menos dividir de facto o mundo en dous bloques). As formas que utilizan os Estados Unidos están limitadas exclusivamente polo inicio dunha guerra nuclear. Eis un extracto da análise publicada no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza.


4Nazanín Armanian, politóloga e escritora de orixe iraní, valoraba o tema deste xeito nun artigo en Público en relación coa nación persa, despois do envío dun portaavións e varios barcos de guerra á zona, nunha acción claramente provocadora por parte de Estados Unidos: “Trump pechou todas as portas a Irán, imposibilitándolle unha rendición con honor. A súa proposta de “mellor trato” resumida nos 12 mandamentos apocalípticos é o perfecto pretexto para acusar a Irán de ter rexeitado seu “plan de paz”. Aínda que a República Islámica asine eses puntos, mañá a diplomacia militarizada de EEUU sacará outras escusas da súa manga: “esmagar os dereitos humanos” ou “oprimir ás mulleres”, e aínda que son certos, Trump e compaña carecen da autoridade moral para levar estas bandeiras. Non cumpriu Gadafi todas as esixencias de EEUU?”.

Sen dúbida Trump e a súa equipa deron un salto cuantitativo nestas políticas de confrontación, mais non se pode obviar que contan co apoio de amplos sectores das clases dominantes desta potencia. Se non fose así, se non desen resultados positivos para as corporacións, respecto do medre do PIB e de manter baixas as taxas de desemprego freando a conflitividade social, tería sido forzado a mudar de folla de ruta e de mensaxe. Por outra banda, para alén dunha actitude máis retrógrada na cuestión social, as súas políticas no plano internacional, aínda que teñen unha maior escenificación que bascula entre o dramático e o grotesco e que buscan ter un efecto en sectores conservadores ou atrasados, son unha continuidade das que realizaban os demócratas. Lembremos os bombardeos a Libia e a intervención en Siria, por só poñer dous exemplos.

Estas accións agresivas que xogan co temor a unha guerra, que estragan países, que colocan as redes, a espionaxe, a información e a cultura de masas ao servizo dos intereses das grandes corporacións e fortunas dos Estados Unidos, son posíbeis pola complicidade da Unión Europea e de Xapón, e de aliados como Canadá e Australia. Todas elas considéranse (co máximo cinismo) baluartes da democracia. Neste aspecto ten razón nas súas declaracións a socióloga arxentina Isabel Rauber, nunha entrevista feita por Sputnik en Radiovoces del mundo, cando manifestaba: “Vexo con moita preocupación a indolencia da UE, que olla cara outro lado e trata de contemporizar con Trump. Lémbrame ao que se fixo con Hitler pouco antes da Segunda Guerra Mundial”.

[Podes ler a análise íntegra no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]