SENTENZA

Abuso ou agresión? Nova polémica polo criterio xudicial nunha violación en grupo

Abuso ou agresión? Nova polémica polo criterio xudicial nunha violación en grupo

A Audiencia de Barcelona considera que, ao non apreciar nin intimidación nin violencia -malia as declaracións da vítima- no ataque sexual a unha menor inconsciente na localidade catalá de Manresa, o tipo penal debe ser menor.


Malia a petición por parte da Fiscalía ao final do xuízo, a Audiencia de Barcelona condenou por delito de abuso sexual -e non de agresión- cinco acusados dunha violación múltiple a unha menor na localidade catalá de Manresa. Deste xeito, impúxolles penas de entre 10 e 12 anos de cárcere.

Os feitos ocorreron en 2016, cando un grupo de mozos se introduciu nunha fábrica abandonada para realizar un botellón. En determinado momento, os condenados abusaron dunha menor que inxerira alcohol e consumira cannabis, e que no momento do delito estaba nun estado de inconsciencia, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.

O tribunal considera que se trata dun delito de abuso sexual dado que a vítima estaba inconsciente, “sen poder aceptar ou opoñerse ás relacións sexuais”. Porén, con estes mesmos argumentos, afirma que ao non precisaren de intimidación ou de violencia, os acusados non poden ser condenados por agresión.

Na súa declaración ante o tribunal, a cativa dixo que tivera medo e que se sentira intimidada antes da agresión porque tres dos sete acusados compartían unha pistola e facían ademán de cargala. “Estaba asustada e choraba”, declarou a rapaza, que no momento da violación tiña 14 anos.