ANÁLISE

Acadará o Partido Socialista a maioría en Portugal?

Acadará o Partido Socialista a maioría en Portugal?
[Imaxe: PS] No centro, sentado, António Costa.
[Imaxe: PS] No centro, sentado, António Costa.  
A maior incógnita nas vindeiras eleccións á Asemblea da República en Portugal, o 6 de outubro, é se o Partido Socialista (PS) vai acadar maioría absoluta ou non, xa que as enquisas o colocan moi perto de conseguilo. Aínda que dúas semanas é moito tempo en períodos de conxuntura como o actual, é dicir, onde o vello se resiste a morrer e a nova etapa na orde mundial non termina por marcar definitivamente os seus aspectos determinantes. Unha conxuntura marcada pola crise ambiental e do sistema socioeconómico, a confrontación entre potencias, o Brexit, a débeda soberana, a precariedade e a desigualdade en ascenso. Eis un extracto da análise, publicada no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.

m5_PortugalO Partido Socialista está 15 puntos por riba do centro‑dereita do Partido Social Demócrata (PSD), que nas anteriores xerais foi unido ao partido demócrata‑cristián de dereita Centro Democrático e Social/Partido Popular (CDS/ PP). Pola súa banda, o Partido Comunista (PCP) e o Bloco de Esquerda (BE) manteñen unhas intencións de voto moi semellantes ás últimas xerais, en 2015.

O BC obtería ao redor dun 9‑10% de apoios, uns 2 puntos máis que a Coalición Democrática Unitaria (comunistas máis Os Verdes). Téñase en consideración que na representación para as cámaras municipais de 2017, o PCP obtivo o 9,45% dos votos e o BE un 3,29%, datos nos que se contrasta, por un lado, a incidencia do PCP nas organizacións de base, tanto nos concellos como no ámbito sindical, e, pola outra banda, a capacidade do BE para gañar apoios nas institucións máis ligadas á política xeral e ao discurso estratéxico (terá algo que ver a actitude dos medios con cada unha destas alternativas?). Amosando un aumento da sensibilidade na cuestión ecolóxica, o PAN (Persoas+Animais+Natureza) multiplica apoios, oscilando entre o 3‑5% da intención de voto (será un medre conxuntural, ligado aos grandes incendios de 2017 no centro de Portugal?).

Medidas sociais

As últimas enquisas indican unha tendencia á baixa do PS, así como un leve aumento da dereita, tanto do PSD como do CDS/PP. Estes son os grandes derrotados tendo en consideración que no ano 2015, indo nunha candidatura única, foron os máis votados. O apoio do PCP e BE, a cambio dunha serie de medidas progresistas, no ámbito laboral e social, permitiron que o PS formase goberno, con António Costa como primeiro ministro.

Entre estas medidas pactadas estaba o aumento do salario mínimo de 505 euros en 2015 a 600 euros en 2019, así como “a reposição e valorização dos salários e do aumento das reformas, ao desagravamento do IRS para salários mais baixos e intermédios. Que vão da valorização das prestações sociais e do abono de família, à valorização das longas carreiras contributivas. Da garantia dos manuais escolares gratuitos ao reforço à redução das taxas moderadoras na saúde e dos preços dos medicamentos. Do descongelamento de carreiras e da valorização remuneratória dos trabalhadores da Administração Pública”, explicaba o dixital www.pcp.pt.

[Podes ler a análise íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]