En perigo a maioría independentista catalá no pleno do Parlament

En perigo a maioría independentista catalá no pleno do Parlament
Imaxe dun debate no Parlament
Imaxe dun debate no Parlament  

Non houbo acordo entre ERC e JxCAT sobre a delegación de voto dos catro parlamentares, Carles Puigdemont entre eles, da formación liderada polo president no exilio. ERC xuntou os seus votos aos do PSC para tombar a proposta de JxCat. Cs abstívose. Se JxCAT non substitúe os seus 4 deputados, como si fixo ERC con Oriol Junqueras e Raül Romeva, o bloco independentista perdería a maioría absoluta na Cámara.


Horas de máxima tensión no Parlament. Tanta que o escenario resultante podería abocar Catalunya a un escenario de eleccións anticipadas, ante a hipótese de o bloco soberanista perder a maioría absoluta na cámara. Esta terza feira, consumouse o cisma nunha cuestión crucial: a aceptación ou non a efeitos prácticos da instrución do xuíz Llarena sobre a suspensión dos deputados sobre os que pesan os cargos de rebelión, sedición e malversación de fondos, parlamentares que ou ben se achan na cadea (caso de Oriol Junqueras, líder de ERC) ou no exilio (Carles Puigdemont, JxCat).

A chave do asunto é a distinta abordaxe coa que ERC e JxCAT trataron o auto de Llarena. A formación republicana seguiu ao pé da letra o ditado dos letrados da cámara catalá e procedeu á substitución dos seus parlamentares, Junqueras e Romeva. A post-Convergência defendeu, en  troca, até esta mesma terza o dereito dos seus deputados —Carles Puigdemont, Jordi Sànchez, Jordi Turull e Josep Rull— a delegaren o voto a outro parlamentar.

Para os xuristas do Parlament, a vía proposta polo JxCAT non se axusta á dereito. E sobre esa base suscitouse o debate esta mañá no seo da Mesa, o órgao de goberno da cámara. E foi nese ámbito en que se ensanchou a fenda entre ERC e JxCAT. As e os republicanos votaron co PSC en contra da pretensión da marca de Puigdemont. Cs abstívose.

E agora? ERC aínda agarda que JxCAT acepte a substitución dos seus parlamentares. De non o facer, Roger Torrent —dirixente de Esquerra e president do Parlament— dirixirá esta tarde o pleno —debate de política xeral— sen computar os votos de Puigdemont, Sànchez, Turull e Rull. Destarte, o independentismo perdería a maioría na cámara.



x