GUSTAVO BORGES, XORNALISTA, ANALISTA POLÍTICO E DESEÑADOR

"A agresión contra Venezuela non é local, ten a ver cos grandes intereses internacionais"

"A agresión contra Venezuela non é local, ten a ver cos grandes intereses internacionais"
Gustavo Borges á dereita e Diego Sequera [Imaxe Borja GC]
Gustavo Borges á dereita e Diego Sequera [Imaxe Borja GC]  

Conversamos co director de Misión Verdad con motivo da súa visita a Galiza convidado pola Asociación galego-bolivariana Hugo Chávez. 


Que é Misión Verdad?
Nace en pleno fragor da campaña presidencial de Hugo Chávez en 2012 e da guerra permanente que se lle está a impor a Venezuela. Nace como un proxecto que procura estudar e desenredar os nós para explicar a realidade e procurar vías de comunicación que sexan efectivas para enfrontar o asedio no que se atopa o país. É un medio que ten como punto base a contra-posición á información hexemónica. 

As grandes oligarquías están a tentar tomar un territorio que lles foi arrincado das mans

Como explicar a unha persoa do común, da Galiza, a situación na que se atopa o país actualmente?
Con dados. Por exemplo, o 70% da produción e distribución de alimentos en Venezuela está en mans de grandes empresarios. Unha oligarquía que manexa a produción e distribución de alimentos. As ringleiras que se ven na imprensa son as consecuencias do caos mais, cales son as causas? As causas son que desde hai tres anos hai unha guerra multifactorial na que está inmersa a vida política e social do país. Exemplos claros e precisos diso son que hai seis meses os servizos de seguridade do estado venezolano atoparon nun vertedoiro de lixo 4.500 toneladas de polo que tirara unha grande cadea de supermercados. Nun galpón, nun depósito, atopáronse 300 toneladas de grao que non foran distribuídas á poboación, mesmo algún deles vencidos [caducados]. O contrabando de alimentos cara a Colombia alcanza cifras desorbitante pola diferenza de prezos entre Colombia e Venezuela. Podes ir a unha panadaría en Venezuela e ver cartaces que din 'Non hai pan' mais nas vitrinas hai todo tipos de alimentos feitos con fariña de trigo. Non se conseguen ovos mais vas aos restaurantes e teñen todo tipo de pratos servidos con ovos. Ese tipo de cousas ilóxicas que olladas polo miúdo fan parte de novos métodos de desestabilización. Hai uns meses fíxose unha inspección a un restaurante de luxo onde atoparon carne etiquetada polo goberno para ser distribuída entre a poboación máis pobre. 

Hai 6 meses os servizos de seguridade do estado venezolano atoparon nun vertedoiro de lixo 4.500 toneladas de polo que tirara unha grande cadea de supermercados

Que obxectivo ten ese proceso de desestabilización e que papel xogan as manifestacións das que dá conta a imprensa internacional?
Fai parte do mesmo. Son mobilizacións co-ordenadas por actores adestrados en métodos de guerra irregular. A agresión contra Venezuela non é local, ten a ver cos grandes intereses internacionais de empresas enerxéticas, petroleiras, alimentarias, políticas, financeiras... principalmente por tres aspectos: Venezuela ten as maiores reservas petroleiras do planeta, grandes reservas minerais e unha forza política que mudou a lóxica da rexión desde a toma de posesión de Hugo Chavez como presidente. Enténdese obviamente que as grandes oligarquías do planeta estexan a tentar tomar un territorio que lle foi arrincado das mans pola participación masiva do pobo. 

Que papel xoga a oposición venezolana neste conflito?
Son axentes secundarios embora seren presentados nos grandes medios como principais. Foron incapaces de gañar unhas eleccións contra Chávez e de propór un plan político serio para toda a poboación. Se gañaron as eleccións hai un ano foi produto da erosión do apoio popular ao goberno de Nicolás Maduro. Eles non sumaron votos exponencialmente. O que houbo foi unha abstención do 20% do censo que historicamente votara ao chavismo, por diversas razóns. Poderiamos analizar de que se trata esa abstención. Trátase de sectores que pasaron da pobreza extrema a ter unha vida digna e que froito de tres anos de guerra contra o país a súa tranquilidade resultou atinxida. Aliás, a lóxica electoral está a verse afectada por outros factores políticos. 

Se a oposición gañou as eleccións hai un ano foi produto da erosión do apoio popular ao goberno de Nicolás Maduro. Eles non sumaron votos exponencialmente

Que papel xogan os medios de comunicación, nese senso?
Contra Venezuela non están medios locais. Nos últimos dous meses foron publicadas só en tres países 1.400 novas en contra de Venezuela, moitas delas capas nos principais diarios. Son grandes concentracións mediáticas en contra do país, o Washington Post, New York Times, New Herald, Grupo Prisa, El País, La Razón, Radio Caracol, Univisión... conglomerados mediáticos que se se investigas un pouco e ves quen son os propietarios vas ver vinculacións con sectores como o petroleiro, enerxético. Eis a resposta máis clara. Iso deriva no interese das grandes elites imperiais por se apropiaren dos recursos de Venezuela. As agresións son sistemáticas, diarias, diría eu. 

O presidente Nicolás Maduro fala dun Novo Plan Cóndor contra América Latina, unha operación que vai alén de Venezuela e tería a ver co proceso de destitución de Dilma Rousseff no Brasil. 
Consiste en tomar o poder en espazos que, duns anos para acó, foi tomado por movementos progresistas ou, se callar de esquerdas. Os métodos utilizados son inéditos, actualizados, son golpes que non teñen a ver cos duns anos atrás. Non son militares, usan métodos supostamente legais. No caso do Brasil detrás do golpe están as grandes corporacións e os lobbys petroleiros, aínda que soe a teoría da conspiración se ollas quen son os novos ministros de Temer ou de Macri [Arxentina], son funcionarios de grandes petroleiras, funcionarios de JP Morgan, grandes acumuladores de capital e operadores mundiais. Unha operación a grande escala do grande capital internacional. 

En Venezuela procuran tombar o presidente Maduro através dun referendo revocatorio... 
A nós non se nos vai obrigar a desenvolver un proceso se parte de accións viciadas, ilegais, que non están estipuladas na normativa electoral venezolana. Teñen que demostrar que non son sinaturas falsas, de persoas mortas ou achegadas por empresas bancarias e telefónicas que é o que está a acontecer. As sinaturas que entregaron [perante a CNE] para a convocatoria dun referendo revocatorio foron revisadas nun proceso no que se demostrou que hai sinaturas falsas e de persoas falecidas. Este é un procedemento, certo, recollido na Constitución mais suxeito a unha normativa. De facto, o proceso recóllese por mudanzas lexislativas promovidas pola oposición en 2007. É dicir, as obrigas legais foron redactadas pola oposición. Teñen que cumprir cos requerimentos que eles fixaron hai nove anos. Se conseguen as sinaturas que se faga o referendo. Se perdemos, nós sempre respeitamos os resultados electorais. Aí comezará unha nova etapa do proceso político venezolano. 

Venezuela é un país profundamente chavista porque o chavismo é unha concepción cultural do país

Que consecuencias tería esa mudanza para o pobo venezolano?
Todas as conquistas sociais do chavismo serían suprimidas ao instante. Apoderaranse das grandes reservas petroleiras da rexión. Inauguraríase unha nova etapa de represión e tamén un novo dominio dos capitais internacionais. Ora, o chavismo é un movemento que está vivo, na súa estrutura e no seu fundamento. Venezuela é un país profundamente chavista porque o chavismo é unha concepción cultural do país. Non é un movemento político, non o determina un partido ou se está no goberno ou non. Que o goberno do país estexa en mans do chavismo é unha circunstancia do momento o que quere dicir que de se perder o goberno iso for significar que o chavismo deixaría de existir. De facto, entre as nosas análises esta non é unha das principais posibilidades. O chavismo debe entenderse como realmente é. Non é un movemento electoral, non é un partido político. Non é unha discusión retórica, nen pasa pola intelectualidade e a teoría. O chavismo é unha concepción cultural dun país e dun territorio. Así debe entenderse porque senón un cae no facilismo das análises, isto é, entrar no terreo do alarmismo, da parálise. Eis o que vende a imprensa mais, embora o chavismo estar certamente en horas complicadas, a participación política do pobo pobre non parou nen un só momento. 

O chavismo non é un movemento electoral, non é un partido político, é unha concepción cultural dun país

Procurando na túa traxectoria e, ao fio disto, ti fuches membro fundador do movemento Hip Hop Revolución (HHR). En que consistía ese proxecto?
Parte diso. De entenderse como actores principais dun proceso político que é histórico. HHR era un proxecto que congregaba grande cantidade de mocidade pobre que, através da música, da pintura e da cultura, conectaban através dun discurso político serio para pasar á acción política, ao traballo das súas comunidades para tentar construír un novo modelo de sociedade que substitúa o desastre do capitalismo. HHR pasa por aí. Máis que un proxecto, que un colectivo, é unha idea, un concepto que se tentou traballar. Se ben agora mesmo non existe como organización, HHR é unha idea instalada en sectores da poboación venezolana que se propón discutir desde a cultura o papel que lle toca [xogar] á mocidade neste momento tan delicado do planeta.