Amazonia: O inferno detrás do incendio (e II)

Amazonia: O inferno detrás do incendio (e II)
Arde a Amazonia
Arde a Amazonia  
Os incendios forestais que asolaron no pasado mes de agosto a Amazonia e a resposta da comunidade internacional, encabezada polos membros do G7, puxeron ao descuberto os intereses económicos en xogo e a delicada conxuntura política de Sudamérica. A análise do ensaísta boliviano Rafael Bautista, do que hoxe achegamos a súa segunda parte, ofrécenos novos dados para unha visión alternativa da situación na zona. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza.

O último proceso electoral en Arxentina incidiu negativamente nos mercados, ao se estar configurando un novo equilibrio xeopolítico en Sudamérica. A tendencia crecente en Bolivia, Arxentina e Uruguai ameaza o propio Brasil, ao ficar rodeado de gobernos que influirían na súa propia situación política. Isto afecta os intereses dos poderes reais globais que se atopan en plena crise do seu proxecto histórico e deben enfrontarse ao fin da súa hexemonía centenaria. A expansión da nova da Rota da Seda que promove China ten Brasil e Bolivia como vértices da inclusión de Sudamérica nun proxecto de infraestruturas do comercio global que remataría por desprazar o dólar e o Atlántico como eixos do comercio mundial.

Máis do 25% do osíxeno do planeta

Se isto é así, unha crise ambiental estendida adía os plans de integración xeoestratéxica de Sudamérica cara ao pacífico. Curiosamente, non estamos diante de feitos casuais; aínda que os focos son illados, a sincronía destes e a configuración dunha mancha  compacta entre Brasil e Bolivia conflúen en tres rexións estratéxicas: o Pantanal, a Amazonia, e a Chiquitanía, as cales deberían ser conectadas polo tren oceánico.

m6_Amazonia

As tres áreas achegan unha cantidade considerábel de osíxeno ao planeta, por riba do 25%, ademais dunha absorción importante de CO2. Unha catástrofe ambiental como a que se estaría producindo vénlle como anel ao dedo á proposta das potencias occidentais de “facerse cargo” da Amazonia, á marxe do Estado brasileiro; é dicir, a promoción dunha instancia supranacional que actúe de garda forestal global, reducindo as competencias estatais dos nosos países ao mínimo, conforme o plan imperial de acabar coa soberanía dos nosos pobos.

As sospeitas duns incendios inducidos

A potestade e a administración dos recursos hídricos, se finalmente perde o petróleo, é fundamental para a supervivencia do dólar; desde Bush xa é coñecida a importancia que o imperio lle dá aos acuíferos dos ríos Amazonas, Orinoco e Guaraní. Trátase da súa supervivencia.  A guerra fría, de divisas e aranceis, que promove o dólar e que non resolve a súa decadencia estenderíase agora ao monopolio de áreas estratéxicas, e isto entra en concordancia coa nova colonización da diversidade biolóxica e da biomasa do planeta que propón a economía verde.

Que o goberno brasileiro dispoña da loxística necesaria para conter a expansión do incendio, malia ter recortado nun 40% os orzamentos das forzas armadas, dá conta dunha complicidade que reafirma a hipótese dunha queima inducida. Bolsonaro xa anunciou en campaña o desaloxo das reservas indíxenas en beneficio do complexo agroindustrial. Mais se as cousas se complican, entón, como é costume na historia colonial, nin sequera as oligarquías locais sairían beneficiadas, senón os poderes foráneos, desprazando os capitais locais para, no momento axeitado, comezar un novo saqueo aínda máis perverso.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]