WASHINGTON LANZA UNHA NOVA GUERRA COMERCIAL

AMLO responde a Trump: "Non son covarde nin timorato, mais non quero confrontación"

AMLO responde a Trump: "Non son covarde nin timorato, mais non quero confrontación"
Alfredo Manuel López Obrador
Alfredo Manuel López Obrador  

"Non me falta valor, non son un covarde nin timorato, senón que actúo por principios: creo na política que, entre outras cousas, se inventou para evitar a confrontación e a guerra", escribiu o presidente de México, Andrés Manuel López Obrador (AMLO) nunha misiva a Donald Trump. Washington anunciou esta quinta feira a imposición de gravames (un arancel de 5 por cento) ás exportacións mexicanas. Os EUA responsabilizan o executivo do país azteca da chegada de inmigrantes irregulares a solo norteamericano.


Trump abre unha guerra comercial con México, país que desde a chegada de AMLO á súa presidencia marcou distancias con Washington. O presidente republicano non perdoa a López Obrador que non se sumase aos apoios expresados desde outras capitais latinoamericanas ao golpe en curso en Venezuela. Os aranceis (comezarían no 5 por cento mais irían medrando se a inmigración irregular non cesa) serían a factura a pagar polo goberno mexicano.

Na súa misiva a Trump, AMLO razoa que os problemas "non se resolven con impostos ou medidas coercitivas. Como converter da noite á mañá o país da fraternidade para cos migrantes do mundo nun guetto, nun espazo fechado onde se estigmatiza, se maltrata, se persegue, se expulsa ou se cancela o direito á xustiza a quen busca con esforzo e traballo vivir libres de miseria".

Conciliador, López Obrador tira da historia para ilustrar que é perfeitamente posíbel manter unha relación fraterna cos EUA: "Cando a expropiación petroleira, o presidente demócrata Franklin D. Roosvelt entendeu as profundas razóns que levaron o presidente patriota Lázaro Cárdenas a actuar en favor da nosa soberanía".

É dubidoso que este apelo á memoria do presidente do New Deal vaia conmover Donald Trump, cada día máis disposto a utilizar as armas da guerra económica contra os gobernos que non seguen as súas consignas.