Amnistía Internacional considera “desproporcionada” a sentenza contra o independentismo catalán

Amnistía Internacional considera “desproporcionada” a sentenza contra o independentismo catalán
Jordi Sànchez e Jordi Cuixart (VilaWeb).
Jordi Sànchez e Jordi Cuixart (VilaWeb).  
Amnistía Internacional critica a condena contra as líderes do procès e pide a liberdade de Jordi Sànchez e Jordi Cuixart.

Nun comunicado publicado pola web suíza de Amnistía Internacional, agora retirado, e cuxas conclusións adiantou o xornal dixital VilaWeb, a organización global denuncia que os dereitos e a liberdade de expresión e de reunión pacífica están ameazados no Estado español.

O informe que Amnistía Internacional, que ía facer público a vindeira terza feira pero que onte xa se podía consultar na súa versión francesa, considera “desproporcionada” a sentenza do Supremo e reclama a liberdade do presidente de Òmnium, Jordi Cuixart, e do ex presidente da ANC Jordi Sànchez.

Delito de sedición

Na súa análise, a organización censura que a condena ás líderes independentistas se basea nunha “definición vaga do delito de sedición” e nunha “interpretación demasiado xeral e perigosa” por parte do Tribunal Supremo.

Neste sentido, asegura que “a imprecisión da definición e a súa ampla interpretación poñen en dúbida as condenas por sedición” e suxiren “a criminalización de actos lexítimos de protesta.

Dereito de reunión

Ábrese a porta a que as autoridades estabelezan un teito ilegal no número de persoas que poden manifestarse pacificamente ao mesmo tempo.

Segundo recolle VilaWeb, Amnistía Internacional alerta de que “a desobediencia civil pacífica está protexida pola lexislación internacional sobre dereitos humanos” e incide en que “unha acusación excesiva por feitos de desobediencia civil restrinxe indebidamente o dereito á reunión pacífica e viola o dereito internacional”.

Deste xeito, sinala, queda aberto o camiño para que “as autoridades estabelezan un teito ilegal no número de persoas que poden exercer o seu dereito de manifestarse pacificamente ao mesmo tempo”.