Ampliando lazos Galiza‑Portugal

Ampliando lazos Galiza‑Portugal
[Imaxe: SG] Presentación en Bruxelas da Estratexia Río Minho Transfronteirizo-
[Imaxe: SG] Presentación en Bruxelas da Estratexia Río Minho Transfronteirizo-  

A fronteira administrativa da raia e a teima política de pechar durante séculos Galiza a Portugal supuxo un lastre para o noso país a nivel de desenvolvemento cultural, económico e social. Conscientes na actualidade de todo o que se perdeu por non aproveitar as potencialidades que nos conectan co país irmán, desde algunhas administracións impúlsanse proxectos de cooperación transfronteiriza cuxos resultados están a mellorar a calidade de vida das persoas e a xerar riqueza en ambas as dúas beiras do Miño. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.


5_DuplaInternacionalBorrar a fronteira do Miño e debuxar unha ponte de unión entre a Galiza e Portugal é o espírito de varios proxectos e iniciativas de cooperación transfronteiriza que os últimos anos se levaron a cabo entre ambos países e que a día de hoxe están dando importantes froitos, desenvolvendo a economía dos municipios da raia, mellorando os servizos e prestacións á veciñanza e fomentando os lazos de unión social e cultural.

A Deputación de Pontevedra tomou esta cuestión a serio desde hai catro anos e ollou o sur da Galiza e o norte de Portugal como un único territorio. O obxectivo está posto en sacar o máximo partido a todas as potencialidades que ten unha localización estratéxica como esta, situada entre as grandes cidades de Porto e Vigo, cunha lingua e cultura irmandada e con grande riqueza industrial.

Nese sentido puxéronse en marcha nos últimos anos múltiples accións desde a Deputación para o desenvolvemento económico e social da zona, resaltando pola cantidade de iniciativas que engloban os proxectos Smart Minho e Visit Río Minho.

Un dos artífices destes proxectos é o deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, quen tamén é membro do goberno municipal en Tomiño, un concello referente desde hai anos na cooperación transfronteiriza e que xunto a Vilanova de Cerveira forma unha eurocidade unida polo Miño.

As estratexias do Miño

A Estratexia de Cooperación Intelixente para o Río Minho Transfronteirizo-Smart Minho é un dos proxectos estrela lanzado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho baixo obxectivo prioritario de estabelecer unha axenda común de cooperación para o territorio.

Cun orzamento total de 942.022,47 euros, o plan beneficia 26 municipios, dos cales 16 son da Galiza (pertencentes ás comarcas de Vigo, Baixo Miño e O Condado- Paradanta) e 10 sitúanse no norte de Portugal.

Estamos diante dunha zona que, por tanto, comprende 3312 quilómetros de extensión e que atinxe máis de 376.000 habitantes, constituíndo a fronteira ibérica máis poboada e a máis transitada, pois nela concéntrase o 47% do tránsito medio de vehículos entre o Estado español e o Estado portugués.

Dentro deste proxecto estase a desenvolver a Estratexia Río Minho Transfronteirizo 2030. Trátase polo de agora dun documento que se apresentará para precisamente marcar a folla de ruta de cooperación até o ano 2030.

Empregáronse moitos meses de traballo na súa elaboración e tivo unha implicación internacional a tres niveis: o institucional, contando co apoio das 26 cámaras municipais; o científico, xa que participaron as seis universidades públicas da Galiza e do norte de Portugal; e social, pois a elaboración da estratexia realizouse desde a base, favorecendo a participación da cidadanía a través da celebración de dous foros públicos, mesas de debate e enquisas de participación na web da estratexia.

Para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo constituíuse a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Minho (AECT) en Valença en febreiro de 2018. Con ela creáronse servizos e equipamentos compartidos entre os concellos de ambas beiras do río.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]