Sánchez abre a billa aos indultos e invoca o Quebec para argumentar a súa aposta no diálogo con Catalunya

Sánchez abre a billa aos indultos e invoca o Quebec para argumentar a súa aposta no diálogo con Catalunya
Sánchez e Tradeau
Sánchez e Tradeau  Foto: Moncloa

Catalunya é unha das apostas estratéxicas do Goberno Sánchez para perdurar. Enlamada a negociación orzamental —co pacto entre PP e Cs para bloquear na Mesa do Congreso o levantamento do veto do Senado ao novo teito de gasto—, A Moncloa pon o foco na cuestión catalá. E con mensaxes dirixidas aos sectores soberanistas.


Estes últimos días foron de desgaste para Sánchez, acosado por serias dúbidas por volta da súa tese de doutoramento e polas certezas de copia e pega do seu libro. Nestas circunstancias o manual dos gabinetes de crise prescribe unha brusca mudanza no guión e, se é posíbel, tamén no escenario. E así fixo o inquilino da Moncloa: aproveitou a súa axenda internacional para lanzar mensaxes de pacificación do conflito catalán. E para ir un chisco máis alá da súa recente proposta (asaz vaporosa) dun referendo sobre o autogoberno. Con efecto: o presidente do Goberno español viaxou a Canadá, entrevistouse con Justin Trudeau —un dos referentes da nova socialdemocracia— e pronunciou unha palabra fetiche nos ambientes soberanistas catalás. Quebec.

A frase, obviamente calculada, é a seguinte: "Quebec é un exemplo de que a política pode buscar solucións". Ben, significa isto que Pedro Sánchez se abre a negociar un referendo de autodeterminación con Catalunya? Non exactamente porque a seguir o líder do PSOE esclareceu que aínda que o país francófono integrado no estado canadiano é un modelo interesante para "encontrar solucións a unha crise secesionista" o certo é que "cada país ten os seus camiños".

Mais o simples feito de pronunciar a palabra Quebec en termos positivos mostra unha disposición ao diálogo inédita até o de agora en Madrid.

Item máis: a cuestión dos indultos aos presos soberanistas. Este asunto foi introducido pola delegada do Goberno en Catalunya, Teresa Cunillera, quen se mostrou partidaria do perdón presidencial. Sánchez non a desautorizou. Máis ben ao contrario: "A reflexión da delegada do Goberno, que eu partillo, é que na política española, e especialmente cando falamos da política catalá, falta empatía. Houbo durante anos unha linguaxe grosa, de división. Hai que reivindicar a legalidade, mais se ten botado en falta a empatía. A prioridade é restabelecer a convivencia".

Lonxe de improvisar, Sánchez pronúnciase nestes termos após a súa vicepresidenta, Carmen Calvo, ter defendido que os presos soberanistas deberían saír da prisión preventiva —xa logo levan recluídos un ano— na eventualidade de que se dilaten aínda máis os prazos para a fixación do xuízo.

Desde a cadea, e nunha entrevista en La Vanguardia, Oriol Junqueras valorou así a política sobre Catalunya de Pedro Sánchez: "A cuestión de Catalunya é o tema máis importante que ten Pedro Sánchez sobre a mesa. Debería ser o primerio interesado en concretar solucións políticas, xa viu que o inmobilismo de Raxoi e a vía xudicial non achegan ningunha solución. Este conflito é político e non xurídico, e Sánchez ten que decidir como o quer resolver".

O líder de ERC —que defende o ensanchamento da base de sustentación do proxecto soberanista cunha entente cos sectores partidarios dun referendo, mais non da independencia— evitou menosprezar a proposta de referendo sobre o autogoberno proposta por Sánchez —-"é difícil avaliar unha proposta que ninguén explica que quere dicir exactamente"—, mais en todo caso reafirmou a súa aposta nunha consulta autodeterminista: "É o que aceptan 80 por cento dos cataláns, sexan ou non independentistas".