CRÍTICAS Á TÁCTICA DE PODEMOS

Anticapitalistas propón viabilizar a investidura de Sánchez e pasar á oposición

Anticapitalistas propón viabilizar a investidura de Sánchez e pasar á oposición
Miguel Urbán atende os medios durante unha manifestación da memoria histórica
Miguel Urbán atende os medios durante unha manifestación da memoria histórica  
Selar un acordo programático de investidura e a seguir pasar á oposición. Non caer na tentación de reabrir a negociación co PSOE, un partido social-liberal, para formar un goberno de coalición. Esa é a visión que ten Anticapitalistas sobre o que Podemos ten de facer a partir de agora. A corrente en que se insiren a líder andaluza Teresa Rodríguez e o eurodeputado Miguel Urbán critican a "táctica" da formación morada.

Anticapitalistas é unha formación de raíz troskista que se acha neste momento en latitudes tácticas e estratéxicas moi distantes daquelas nas que habita o núcleo de dirección máis próximo a Pablo Iglesias. Así o evidencian esta segunda feira cun comunicado en que dirixen ataques quer ao PSOE quer a Podemos, sendo que a investidura de Sánchez fracasou, argumentan, mais tamén o fixo a táctica dun Podemos "que fiaba todas as súas bazas a entrar no goberno como suposto garante das políticas sociais".

Sánchez, opinan desde Anticapitalistas, tense "graduado como trileiro parlamentar", mais ao mesmo tempo "Unidas Podemos ten cometido erros moi importantes no seu intento de entrar pola porta de servizo nun goberno: nen todas as renuncias realizadas foron abondas para a voracidade social-liberal".

Visto o visto na sesión de investidura, Anticapitalistas reitera a súa oposición a facer parte dun goberno liderado por Sánchez. E razóao así: "Entrar nun goberno liderado polo PSOE é atarse de pés e mans a un partido que ten demostrado que o que realmente fai é descafeinar os desexos de cambio populares".

A alternativa na que apostan Anticapitalistas —nunha liña en parte semellante á de Izquierda Unida— sería a de viabilizar a investidura de Sánchez, para conxurar o risco dunha convocatoria electoral que dese vantaxe ás dereitas, e a continuación pasar á oposición, con vistas a "condicionar cos votos a acción lexislativa e gubernamental, organizar e mobilizar a sociedade e levantar pacientemente a alternativa á hexemonía social liberal".

O si á investidura debería ser, en todo caso, produto dun "acordo programático" previo por parte de Unidas Podemos co PSOE, un pacto que, segundo Anticapitalistas, debería cinxirse exclusivamente ao acto de designación do candidato socialista como presidente do goberno. A partir dese momento, UP debería ter as mans libres para facer oposición.