NEGOCIACIÓNS

Non haberá 'geringonça' 2.0 en Portugal

Non haberá 'geringonça' 2.0 en Portugal
António Costa gobernará esta lexislatura en minoría.
António Costa gobernará esta lexislatura en minoría.  

Despois de se reunir durante esta semana cos partidos de esquerda e co ecoloxista PAN, o Partido Socialista portugués resolveu non reeditar os acordos de 2015 e António Costa gobernará en minoría con apoios puntuais.


Non haberá geringonça 2.0. O secretario xeral do Partido Socialista portugués, António Costa, anunciou na noite desta quinta feira, 10 de outubro, que non haberá acordos escritos de lexislatura con outras forzas parlamentarias, ao contrario do que acontecera hai catro anos co Bloco de Esquerda (BE), Partido Comunista Portugués (PCP) e Os Verdes.

Non obstante, Costa asegurou que a súa vontade é manter a metodoloxía de traballo adoitada na anterior lexislatura cos partidos da esquerda, nomeadamente no que se refire a propostas de orzamentos do Estado e doutras cuestións relevantes para a estabilidade do Goberno.

O anuncio fíxoo Costa ante a Comisión Política Nacional do PS, que emitiu un comunicado ao respecto. Ademais, segundo unha fonte dos socialistas citada pola Agencia Lusa, “o PS non podía asinar un acordo escrito de lexislatura só co BE -que mostrou dispoñibilidade para tal- xa que así estaría a xerarquizar socios na nova solución política, o que non é desexábel dentro do Partido Socialista”.

Desa xuntanza da Comisión Política Nacional do PS tamén saíu a confirmación por parte de António Costa de que BE, PCP, PEV, Livre e PAN están dispostos para "a análise conxunta previa dos orzamentos do Estado" e doutros documentos importantes para a lexislatura.

Sen esixencia presidencial

Na pasada lexislatura a geringonça baseouse en tres acordos individuais escritos de lexislatura do PS co BE, co PCP, s esixencia do daquela presidente de Portugal, Aníbal Cavaco Silva, para poder encargar a Costa a formación do Goberno e evitar unha nova convocatoria de eleccións. Desta volta, o actual presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, non esixe compromiso ningún por escrito a un PS con máis autoridade tras impoñerse nas eleccións do pasado 6 de outubro.