SESIÓN NO PARLAMENTO

António Costa presenta o seu programa de Goberno en Portugal e entra en funcións

António Costa presenta o seu programa de Goberno en Portugal e entra en funcións
A Asemblea da Repúclica de Portugal. Foto: parlamento.pt
A Asemblea da Repúclica de Portugal. Foto: parlamento.pt  

Concluíu o debate parlamentario na Asemblea da República esta quinta feira, 31 de outubro, sen a oposición de ningún dos partidos da Cámara. O Bloco de Esquerda asegurou que asumirá os “compromisos que contan”, sen “cheques en branco”. Na mesma liña se manifestou o PCP.


“Está feito. Estou moi satisfeito. Agora é mans á obra”, declarou o presidente do Executivo portugués, António Costa, aos xornalistas que se achegaron á Asemblea da República para cubrir o debate do programa de Goberno, que esta quinta feira chegou ao seu final.

Un Goberno que entrou esta mesma xornada en plenas funcións ao concluír o debate parlamentario sen a oposición de ningún dos partidos da Cámara. O regulamento do Parlamento portugués non prevé a votación do documento. Para que así sexa, os grupos deben presentar unha moción de rexeitamento (ou o Executivo un voto de confianza).

O debate comezou na cuarta feira e rematou na quinta co discurso do ministro dos Negocios Estranxeiros, Augusto Santos Silva, que afirmou que “converxer non significa diluír diferenzas”, e avisou de que as “alianzas negativas”, xuntando dereita e forzas á esquerda do Partido Socialista (PS), representarían “unha traizón ao electorado”. O PS non conta coa maioría absoluta e deberá chegar a acordos.

Ademais, Santos Silva salientou que o escenario político resultante das eleccións lexislativas do 6 de outubro coloca as forzas á dereita do PS como oposición e defendendo que “hai agora máis razóns para desenvolver o diálogo” co Bloco de Esquerda (BE), co Partido Comunista Portugués (PCP), co Partido Ecoloxista Os Verdes, co Persoas Animais Natureza e co Livre.

Sen “cheques en branco”

Por parte dos dous principais socios do PS na anterior lexislatura, o BE e o PCP, a coordinadora do Bloco, Catarina Martins, asegurou que o seu grupo vai asumir os “compromisos que contan”, mais rexeitou “cheques en branco”, avisando que un país xusto non é obra de “equilibrismos parlamentarios sen folgo para grandes mudanzas”.

Mentres, o secretario xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, sinalou que os comunistas terán unha “firme oposición” ás “medidas contrarias” aos intereses do pobo traballador, subliñando que “todo o camiño de avance” terá sempre “a intervención decisiva” do partido.