A aparición en público do enviado especial de Kim Jong-un debilita a teoría da purga masiva

A aparición en público do enviado especial de Kim Jong-un debilita a teoría da purga masiva
Fotografía na que, entre outros dirixentes, aparece Kim Yong Chol
Fotografía na que, entre outros dirixentes, aparece Kim Yong Chol  

É xa un clásico que Pyongyang se vexa obrigado a desmentir, máis ou menos directamente, informacións sobre supostas purgas de elementos críticos.


Kim Yong Chol non é unha figura máis na estrutura de poder en Corea do Norte. Vicesecretario xeral do Partido dos Traballadores, foi unha peza central nas negociacións, falidas, da última cimeira entre Kim Jong-un e Donald Trump, realizada en febreiro pasado.

Informacións publicadas nos últimos días pola imprensa sul-coreana apuntaban a que un suposto ataque de cólera de Kim Jong un polo fracaso das conversas co presidente dos EUA tería resultado nunha purga no interior do goberno, saldada con execucións e co envío a un campo de reeducación de Kim Yong Chol.

O desmentido chegou este domingo en forma dunha fotografía divulgada pola axencia coreana de noticias en que aparece Kim Yong Chol como unha das personalidades asistentes a un evento musical presidido polo líder norcoreano.

A falsa noticia da imprensa sul-coreana non apareceu do nada. Semanas atrás, o secretario de estado norteamericano, Mike Pompeo, alimentou a especie de que Kim Yong Chol caera en desgraza ao afirmar nunha entrevista na canle televisiva ABC que todo parecía indicar que o seu interlocutor en futuras cimeiras sería outro dirixente norcoreano.

En todo caso, outras fontes sinalan que, aínda que se manteñan as formas en público, Kim Yong Chol foi expulso do círculo de colaboradores máis directos de Kim Jong un e como indicio desa tese alegan a súa ausencia na recente cimeira con Vladimir Putin.