PABLO IGLESIAS

Apoiaría Podemos levar Catalunya aos tribunais? "Cando se den as circunstancias valorarémolo"

Apoiaría Podemos levar Catalunya aos tribunais? "Cando se den as circunstancias valorarémolo"
Pablo Iglesias
Pablo Iglesias  

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, non excluíu esta cuarta feira a hipótese de a súa organización apoiar o Estado español en caso de este actuar contra Catalunya nos tribunais na eventualidade dunha declaración unilateral de independencia.


Nunha entrevista na Cadena Ser, o dirixente político mantivo en todo momento o coñecido discurso de Podemos de que neste momento a independencia unilateral de Catalunya non ten viabilidade "xurídica" e que, portanto, o que cómpre é ir a un "proceso constituínte" no Estado para, entre outros asuntos, discutir a cuestión territorial no Estado.

Porén, o xornalista Aimar Bretos interesouse especificamente sobre se Podemos apoiaría ou non o Goberno español no caso de este levar aos tribunais a un hipotético goberno independentista catalán xurdido das eleccións do 27 de Setembro.

"Se efectivamente o señor Mas é elixido presidente da Generalitat e, como prometeu, dentro de seis meses, declara a independencia, pois a partir de aí, a partir de aí, veremos".

"Se o Parlamento catalán iniciase un proceso cara á independencia, apoiaría vosté ao Goberno [español] se este recorrer ese movimento [a declaración unilateral de independencia] ante os tribunais?", perguntou literalmente Bretos. A resposta de Iglesias foi esta: "Cando se den as circunstancias valoraremos [o asunto]. Neste caso téñense utilizado demasiado as hipóteses. E que ocorrería se? E que ocorrería se?...".

Acrecentou o secretario xeral de Podemos que "o señor Mas ten anunciado moitas veces que declararía unilateralmente a independencia, bon, pois cando a declare -se iso chegar a ocorrer- pois veremos o que ocorre. Non ten moito sentido facer política en función de suposicións que serven para condicionar o debate político do presente, pero que efectivamente non se terminan cumprindo. Se efectivamente o señor Mas é elixido presidente da Generalitat e, como prometeu, dentro de seis meses, declara a independencia, pois a partir de aí, a partir de aí, veremos".