Após desvalorizar a súa moeda, China acusa os EUA de "destruír a orde internacional"

Após desvalorizar a súa moeda, China acusa os EUA de "destruír a orde internacional"
Xi aplaude Trump nun acto realizado durante a visita do presidente norteamericano a Beijing.
Xi aplaude Trump nun acto realizado durante a visita do presidente norteamericano a Beijing.  
A pasada quinta feira, Donald Trump anunciou novos aranceis ás importacións chinesas por valor de 300 mil millóns de euros. Un durísimo pau para a segunda maior economía do planeta. Mais a reacción do país asiático non se fixo agardar e Beijing premeu un botón que permanecía intocado desde 2008: unha desvalorización da súa moeda que permitirá que un dólar se troque por sete iuáns. O movimento incrementa a competitividade das mercadorías chinesas e en parte anula os efeitos das tarifas impostas por Trump.

O Banco Central chinés liga a decisión de estabelecer unha relación 1/7 entre o dólar e o iuan, unha fronteira tida por psicolóxica, a un contexto marcado polo "unilateralismo e as medidas proteccionistas", en clara alusión ás políticas comerciais da Administración Trump. A caída da cotización da divisa chinesa a respeito da norteamericana é de 1,4%.

China non pode perder competitividade nun momento en que se está a desacelerar a súa economía —o incremento do seu PIB xa non é de dous díxitos como era até hai ben pouco— e en que, alén de máis, a primacía política do Partido Comunista e o liderado de Xi Jinping están a ser postos en cuestión pola oposición no enclave de Hong Kong.

A decisión é unha mostra de que China está disposta a utilizar a súa soberanía monetaria en defensa dos seus intereses comerciais. Hai máis: as autoridades chinesas decidiron cancelar temporalmente as compras agrícolas aos EUA, o que constitúe un serio revés para a base electoral de Trump. A resposta da Administración norteamericana non ficou atrás, ao incluír o estado socialista na lista de países "manipuladores de divisas", un paso que ningún goberno estadunidense daba desde 1994.

A decisión é unha mostra de que China está disposta a utilizar a súa soberanía monetaria en defensa dos seus intereses comerciais

O probábel agora é que Trump incremente aínda máis os aranceis ás mercadorías chinesas, ao situar as taxas en 25%, unha percentaxe que até o de agora só se aplicaba a unha parte delas.

Á guerra comercial non se lle albisca unha saída doada: cada incremento dos aranceis por parte dos EUA pode ser respondido por Beijing cunha nova desvalorización que anule os efeitos da suba das tarifas

No plano político é moi significativo que o órgao oficial do Partido Comunista Chinés, o Diario do Pobo, dedique o seu editorial a denunciar a rotura por parte dos EUA das regras de xogo no comercio internacional ao apostar en medidas proteccionistas do seu mercado interior.

Sen citar Trump, o Diario do Pobo escribe: "Hoxe algúns en América están obsesionados con manter os seus privilexios até o punto de destruír as regras internacionais e o sistema internacional. Estes americanos necesitan espertar!".

Cada incremento dos aranceis por parte dos EUA pode ser respondido por Beijing cunha nova devaluación que anule os efectos da suba das tarifas

 "A responsabilidade dos grandes países é a de prover o mundo de estabilidade e certeza, mentres se crían as condicións e oportunidades para o común desenvolvimento de todos os países", reza o editorial. "Mais algúns nos Estados Unidos están a facer o contrario", remachan.

Beijing considera que o incremento das tarifas anunciado por Trump a pasada quinta feira rompe co compromiso alcanzado polo presidente dos EUA co seu homólogo chinés, Xi Jinping, de non tocar máis os aranceis, entente á que terían chegado durante o encontro que ambos mantiveron durante a recente cimeira do G20 en Osaka.