Após dez anos do secuestro do 'Alakrana' nada mudou... en Somalia

Após dez anos do secuestro do 'Alakrana' nada mudou... en Somalia
Protesta en Ribeira pola liberdade dos secuestrados. Foto: Unai Fernández de Betoño (Galipedia).
Protesta en Ribeira pola liberdade dos secuestrados. Foto: Unai Fernández de Betoño (Galipedia).  

Unha década despois do ataque ao atuneiro vasco Alakrana, con maioría de tripulación galega, a Operación Atalanta da UE contra a 'pirataría' continúa, ao igual que a situación de miseria no Corno de África.


A situación non era nova para os pesqueiros que operaban naquela altura na zona. De feito, o propio atuneiro vasco xa repelera un ataque anterior. Mais o 2 de outubro de 2009, hai dez anos, non puido evitar o secuestro da embarcación cando faenaba a 120 millas das costas de Somalia. Do barco, con base en Bermeo mais con patrón galego de Baiona, facían parte 36 tripulantes: 8 galegos, 8 indonesios, 7 vascos, 4 ghaneses, 3 senegaleses, 2 malgaxes, 2 marfileses, 1 andaluz e 1 seychelense.

A situación de retención mantívose durante 47 días nos que a sociedade galega reclamou nunha multitudinaria manifestación en Vigo, o 7 novembro daquel ano, a posta en liberdade dos mariñeiros e, por voz da filla do patrón do barco, Cristina Blach, lamentar a falta de unidade na clase política, que aproveitou a situación "para lanzárense reproches".

A resposta do Goberno español ao secuestro chegou coa incorporación da fragata Canarias á Operación Atalanta, a misión da UE para loitar contra a pirataría. Dúas persoas foron detidas e posteriormente xulgadas e condenadas en 2011 a 439 anos de prisión polo secuestro dos 36 mariñeiros.

O incidente supuxo un antes e un despois para a seguridade dos pesqueiros na rexión, que desde aquela incluíron seguridade privada. Ademais, a presenza das forzas militares internacionais minimizou case por completo o número de ataques.

Segundo datos da Armada española, desde que comezou en decembro de 2008 a súa participación na Operación Atalanta -aínda en vigor- desarticuláronse 16 grupos, capturáronse 130 persoas (das que só foron procesadas 15) e 12 embarcacións, alén de requisarse dun total de 32 armas.

Guerra civil e miseria

Se ben os pesqueiros non ven xa comprometida a súa seguridade, no territorio de Somalia, un Estado fallado, nada mudou nestes dez anos. A situación de miseria mantense, os niveis de alfabetismo son mínimos e a poboación, cunha baixa esperanza de vida, convive coa violencia desde que nace. A guerra civil dura xa máis de 30 anos e case tres cuartas partes da poboación non fixeron aínda os 35.

Considerado un dos puntos máis conflitivos da zona do Corno de África, Somalia constitúe un constante foco de inestabilidade rexional e de risco para a seguridade na marxe nororiental do continente africano. Segundo un grupo de traballo da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, cando colapsou o Goberno de Somalia, os intereses estranxeiros aproveitaron a oportunidade para comezar a saquear as fontes alimentarias do mar do país.

Ademais, eses mesmos intereses foráneos aproveitaron a falla de vixilancia nas augas somalís para as tornar nun vertedeiro de lixo nuclear e tóxico. Nun primeiro momento, os mariñeiros de Somalia foron quen, coas súas lanchas e chalanas, de disuadir as embarcacións estranxeiras. Fixéronse chamar a si mesmos Gardacostas Voluntarios de Somalia e quixeron pór freo á pesca ilegal e ás descargas nas súas augas ou, cando menos, cobrar un imposto a cambio.

Nos últimos tempos, a presenza de faccións leais ao Estado Islámico fíxose presente no territorio somalí, aumentando o seu número de efectivos, segundo un informe da ONU.