Arrimadas e Cs van á vila natal de Puigdemont, onde tiveron 27 votos, a arrincar lazos amarelos

Arrimadas e Cs van á vila natal de Puigdemont, onde tiveron 27 votos, a arrincar lazos amarelos
Arrimadas en Amer.
Imaxe: Cs
Arrimadas en Amer. Imaxe: Cs  

Amer recibe a comitiva cun fechamento de comercios e locais. 


Inés Arrimadas e un grupo de dirixentes e militantes de Ciudadanos desprazouse a Amer, localidade natal de Carles Puigdemont, para arrincar lazos amarelos, a cor da solidariedade cos presos e presas políticos catalás. 26 minutos durou a visita da peculiar comitiva unionista a esta vila, onde nin eles nin ninguna forza española teñen representación municipal. En 2015 as eleccións foron gañadas por CiU (5 edís), seguidos da plataforma veciñal liderada por ex-militantes de Esquerra JA-FIC (4) e ERC (2). Nas Xerais de 2016 Ciudadanos tivo 27 votos.


Esta peregrinaxe de Arrimadas enmárcase na xira que Ciudadanos está a facer por vilas e localidades de presos e exiliados cataláns, un 'tour' que xera a oposición frontal da veciñanza. En Amer ese rexeitamento plasmouse no fechamento que locais de comercios fixeron durante o tempo que os de Arrimadas estiveron na vila. Cando a comitiva arrincaba lazos dalgunhas rúas foron recibidos por algúns veciños e veciñas con berros de “Puigdemont, president!”.

Inés Arrimadas non realizou ningunha proposta concreta para o Concello para alén de exixir que se retirasen os lazos amarelos e as 'esteladas' de edificios municipais. Após o paso dos de Cs, un edificio municipal de Amer apareceu coa pintada “Viva España”. Un grupo de veciños e veciñas saíron até a praza onde se concentrou Cs para, con luvas, máscara e fregona, 'desinfectar' o lugar.

A través de twitter, Puigdemont contrapuxo o comportamento da veciñanza da súa vila ao de Cs. “Viñeron a provocar”, escribiu.