Arxentina dá un paso decisivo na despenalización do aborto

Arxentina dá un paso decisivo na despenalización do aborto
Manifestación do pasado 8M en Santa Fe (Arxentina). Foto: Rocío Truchet
Manifestación do pasado 8M en Santa Fe (Arxentina). Foto: Rocío Truchet  

A Cámara de Deputados da Arxentina deu esta mañá un decisivo paso cara ao dereito ao aborto. Por unha estreita marxe -129 votos a prol contra 125 e unha abstención-, aprobou o proxecto de lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo. “Histórico avance nos dereitos das mulleres acadado logo de anos de loita feminista”, definiuno o xornal arxentino de esquerda Página 12.


A sesión parlamentaria demorou 22 horas. Mentres, nas rúas, enormes manifestacións convocadas polas organizacións feministas soportaron temperaturas baixo cero -na Arxentina é inverno- e estouparon en aplausos e cantos cando, sobre as 9.51 da mañá da hora arxentina, a votación saíu adiante.

Á lei, que permitirá interromper a xestación ate a semana 14 do embarazo, fáltalle o trámite do Senado. Mais os partidarios do proxecto de lei -moito máis numerosos nas fileiras kichneristas ca na maioría gobernamental de dereita neoliberal- amósanse optimistas. Un “paso de xigante” xa foi dado.



x